Na mañá deste xoves 6 de xuño presetábase a 40 Mostra Internacional de Teatro, edición espello, que se celebrará en Ribadavia do 19 ao 27 de xullo.
A MIT aposta pola idea de espello para revisar, fortalecer e seguir innovando. Novos nomes da escena internacional que nunca estiveron en Galicia, estreas e reafirmado apoio a aquelas voces que emerxeron do noso panorama escénico da man do festival tamén co recoñecemento do público da MIT, como pode ser a dobremente premiada Nova Galega de Danza. Despois do seu 20 aniversario, a nova andaina da compañía será a encargada de abrir no Castelo a 40 edición co espectáculo Dique, dirixido por Marta Pazos e coa coreografía da mallorquina Belén Martí Lluch, xunto cun equipo integramente de mulleres.
A danza e a fusión con outras linguaxes artísticas, a creación híbrida, sempre foi un sinal de identidade da MIT, nesta edición tamén grazas á presenza de artistas coma Nuria Sotelo e Clara Ferrao, Alberto Velasco ou a brasileira Alice Ripoll. Vibrante e reivindicativa, a última creación de Alice Ripoll faise eco das aspiracións da xente moza do Brasil nun momento de transición sociopolítica. Unha peza efervescente que fala das esperanzas dunha xeración esquecida e que anhela reinventarse. Eles mesmos din que forman un grupo de danza “que é algo máis cá suma dos seus membros”. Aquí báilase o passinho, unha danza urbana que mestura o pop, o funk e o breakdance cos ritmos brasileiros e que naceu nas favelas, pero tamén hai danza de contacto, teatro, investigación vocal, danzas afro, afrohouse, sabala e danzas do norte e nordeste do Brasil, como a pisadinha e o brega funk, ademais dalgunhas danzas nacidas nas redes sociais.
Dubidar é un pensamento revolucionario nunha sociedade de certezas impostas como a nosa. E a partir desta introdución, dúas actrices e dous actores con diversidade funcional repasan diversas versións da discapacidade no teatro clásico, deténdose nunha adaptación moderna e sinxela, composta por Manuel Lourenzo, de Filoctetes, unha das traxedias gregas de Sófocles, partindo da idea da diferenza, o/a discriminado/a, o/a diferente, que a sociedade non sabe (ou non desexa) incluír. Esta é a aposta do CDG e da MIT para unha celebración conxunta dos 40 anos da principal institución escénica galega. Tamén hai unha clara aposta pola dramatuxia actual do resto do Estado, como podemos ver nos títulos de recoñecidos autores e compañías como En mitad de tanto fuego de Alberto Conejero, con dirección de Xavier Albertí e a maxistral interpretación de Rubén de Eguía, é unha unión de tres grandes talentos que presentan un espectáculo que é tanto unha canción de guerra como un oratorio polas vítimas, un poema escuro no cal se fala da violencia do campo de batalla, pero tamén da violencia do desexo. A partir da Ilíada, Conejero crea un texto de grande interese contemporáneo.
Outra compañía referente na dramaturxia actual é El Pont Flotant, que chega por vez primeira á MIT cun aclamado espectáculo (Premio Max mellor autoría 2023, Premio Cartelera Turia, dous premios de Teatro valenciano, Premio do Público do FIOT). Unha proposta que impregna de humor o ritual, que mestura o transcendental co cotián e que parte do íntimo e persoal cara o social. Unha reflexión sobre o legado, sobre a memoria, o misterio, os tabús, a dignidade. Por vez primeira tamén na MIT estará un dos dramaturgos con maior proxección internacional de Chile na actualidade: Guillermo Calderón. Chega á MIT por vez primeira cunha das súas obras máis exitosas: Villa. Tres mulleres debaten varias alternativas para dar un novo uso á Villa Grimaldi, un coñecido centro de detención e tortura da ditadura.
Ademais do Castelo, a MIT reforza nesta edición os espectáculos de rúa e terá dúas sesións golfas con dúas propostas arredor do Karaoke, nun lugar ideal, o Club Artístico. Deadpan Karaoke e a coprodución da MIT coa compañía Manekineko Cancións amarelas, flores tristes, serán as dúas opcións deste ano para alongar o encontro e a noite de verán teatral en Ribadavia.
Existe na programación desta 40ªMIT tamén unha gran aposta polos espectáculos de público familiar, para todas as idades, de calidade e esixente, con distintos formatos, dende os de circo contemporáneo ata as artes de rúa e formas animadas. Destaca o fenómeno do espectáculo PAÜRA unha aventura escénica de humor para todos os públicos con música en directo arredor dos medos. Unha peza multidisciplinar que une circo, teatro e música. Pero na Veronza tamén poderemos gozar das catalanas Les Corcoles e Hotel Iocandi na Franqueirán ou da primeira obra para rúa feita polo famoso grupo de teatro físico Yllana, compañía premiada polo Público da MIT nos últimos anos e que presenta unha coprodución murciano-madrileña nos espazos de rúa das parroquias, dentro do programa SputMIT, en Francelos.
E para clausurar esta 40ª edición, unha coprodución co Centro Dramático Nacional e Butaca Zero, Iribarne, unha investigación escénica sobre unha desas figuras absolutamente imprescindibles do noso pasado recente. Un intento (irreverente) por comprender como chegamos ata aquí da man dun político que, nas súas propias palabras, dicía as verdades sen condón.
Ademais dos espectáculos, a MIT conta cunha serie de actividades que teñen como obxectivo fundamental a divulgación do coñecemento escénico, a cohesión territorial e social e a continuidade de procesos artísticos. Neste sentido, na 6ª edición das Residencias Paraíso na Igrexa da Madalena, estará The miracle worker, un proxecto de creación da compañía madrileña Desgarradura que nace da necesidade de conectar co lugar de orixe, despois de saír da terra e formarse e madurar fóra dela, lonxe das súas familias e raíces, coa intención de construir un dispositivo escénico capaz de imaxinar o milagre do reencontro. Foros, presentacións de libros, actividades de mediación coa Asociación Foco para a Formación e a Cooperación en Europa, cursos en colaboración coa Asociación Galega de Clown, unha exposición, encontros da Academia Galega de Teatro ou a estrea do último documental de Xan Leira, son algúns exemplos das importantes actividades paralelas do festival.
A venda de entradas comeza cos abonos para todos os espectáculos do Castelo. Cada un terá un prezo de 69 € e poderá adquirirse na oficina da MIT, na praza Maior de Ribadavia e a través da web de Ataquilla.com.
Será posible facelo dende o día 6 de xuño ata o día 24 de xuño. A partir do día 25 de xuño as entradas restantes poñeranse á venda, tanto na oficina como na web.