
Este ano o Concello do Bolo fai unha nova homenaxe a un veciño no marco da Festa da Vitela que se celebrará o sábado 19 de abril.
O ano pasado poñían en marcha esta iniciativa de recoñecemento, sendo o primeiro homenaxeado o alcalde do Bolo dende 1979 ata 1987, Félix Enríquez Vega, impulsor da construción do colexio CEIP do Bolo no 1981. E nesta ocasión será o médico das Ermidas, Sebastián Ricoy Otero. O acto farase ás 12 do mediodía diante da casa onde naceu, nas Ermidas.
Segundo os datos facilitados dende o Concello, Sebastián Ricoy Otero (1906-1997) naceu nas Ermidas sendo médico de Atención Pública Domiciliaria durante toda a súa vida, ininterrompidamente, no concello do Bolo. “Ante a escaseza de recursos sanitarios existente naquel tempo, coidou tamén da saúde dos veciños das aldeas próximas do concello de Manzaneda”, explican, destacando que era médico xeral, “mais atendeu tódolos procesos, incluídas fracturas e partos”.

Nesta XV edición da Festa da Vitela haberá ademais unha nova feira de produtos tradicionais na que participarán 15 postos, instalados nunha carpa diante do pavillón polideportivo con obxectos de artesanía, doces, viño, aceite e mel. Estarán abertos dende as 11 da mañá ata pola tarde.
O xantar da Festa da Vitela empezará ás 14 horas no pavillón polideportivo e nela degustarase a tradicional vitela con patacas e chourizo e acompañada de sopa e sobremesa.
PROGRAMA DA XV FESTA DA VITELA
11 horas: Apertura Feira de produtos tradicionais
11 a 14 horas: Apertura especial Museo Yosso. Prezo especial: 1€
12 horas: Homenaxe ao médico das Ermidas, Sebastián Ricoy Otero
14 horas: Comida XV Festa da Vitela no pavillón.
17 horas: Música con Dj Josete na carpa



