En portadaÚltima hora

A XXIV Feira do Viño de Valdeorras amplía as súas propostas e aposta por proxectarse a nivel nacional

Nesta edición o Consello Regulador convida a un grupo de xornalistas especializados de diferentes puntos de España a coñecer o territorio amparado do 6 ao 8 de xullo

 

Os viños de ata 20 adegas valdeorresas poderán desgustarse na fin de semana do 8 e 9 de xullo na praza de Viloira (O Barco). Será no marco da celebración da XXIV Feira do Viño de Valdeorras, cuxa programación se presentaba esta tarde nun acto no que participaba o presidente desta D.O., José Ramón Rodríguez Castellanos, e o alcalde do Barco, Alfredo García. O foro, que mantén a mesma cifra de adegas que no 2022, vén acompañado dun completo cartel de actividades paralelas con propostas diversas e para todos os públicos, incluídos os cativos, que foi deseñado conxuntamente por ambas entidades.

Será a primeira feira do mandato de Rodríguez Castellanos, quen agradecía a colaboración do Concello do Barco e tamén o apoio dos membros do pleno e do equipo que está a traballar para levar adiante a feira, que aposta por contidos como a cultura do viño, a música, a gastronomía e o lecer infantil.

Ademais, este ano a mostra pretende incrementar a súa proxección mediática a nivel nacional, dicía Rodríguez Castellanos, e para iso convidouse a visitar Valdeorras a un grupo de xornalistas especializados co obxectivo de que coñezan de primeira man, e durante a celebración da feira, o potencial vitivinícola da zona e o poidan difundir amplamente a través dos seus medios.

Xunto a isto, o presidente da D.O. Valdeorras poñía en valor a figura do pregoeiro elixido este ano para dar o pistoletazo de saída ao foro, “o escaparate promocional por excelencia dos nosos viños”, Manuel Jabois, ao que se referiu como un dos autores máis sobranceiros do panorama español actual.

Actividades

Tras o pregón, que terá lugar na mañá do sábado día 8 en Viloira, virá o acto institucional de inauguración. A continuación, abrirase ao público o recinto feiral en horario de 12,30 a 14,30 horas e de 20,00 a 00,00 noras, na xornada do sábado, e no mesmo horario (coa salvidade de que se pechará unha hora antes, ás 23,00 horas) durante o domingo.

Nos xardíns da Casa Grande de Viloira haberá inchables para os máis pequenos nas xornadas do sábado 8 e domingo 9. O recinto feiral estará amenizado coa música da Charanga Brexit o primeiro día da feira, pola tarde. Tamén nese sábado, se promoverá unha cata maridada de viños de Valdeorras con queixos de diferentes denominacións de orixe galegas. Finalizarase a xornada cun concerto do grupo “En mala hora”.

Durante o domingo, a música correrá a cargo do Grupo de Cantos de Taberna “Os Pándega”. E, nese día, desenvolverase unha curiosa e inovadora iniciativa: “unha cata popular cunha selección dos mellores viños da feira, que se concibe como unha actividade gratuita para todo o público adulto coa que poderán experimentar -en primeira persoa- o traballo que realizan os catadores oficiais que participan en concursos e certames vitivinícolas”, tal e como destacou Rodríguez Castellanos.

Completarán as actividades do domingo un obradoiro de cociña infantil, unha cata maridada de viños valdeorreses con pinchos elaborados polo Bar Bajo Cinco do Barco e un showcooking a cargo do chef Héctor López, do Grupo Nove. Finalmente, a última hora do día 9 de xullo entregaranse os premios da cata popular.

Os prezos serán os mesmos que na pasada edición: 2 euros por cada consumición e 2 euros por cataviños, se ben haberá packs: 4 consumicións 7 euros e 2 consumicións máis cataviños 5 euros.

 

 

Cata Oficial

Previamente á apertura do recinto feiral, durante o serán do venres, o Consello Regulador entregará no Complexo Hostaleiro Paladium os Premios da XXIV Cata Oficial dos Viños de Valdeorras. Entre outras persoas, participarán como catadores neste certame os membros do grupo de xornalistas que visitarán a comarca, convidados polo Consello Regulador.

Finalmente, Rodríguez Castellanos amosou a súa seguridade de que a feira contribuirá a axudar a situar “os nosos viños en novos mercados, que conquisten novos territorios” e incentivar de xeito indirecto a “que participen en diferentes concursos e catas de renome”. “Temos brancos marabillosos e tintos cada vez máis demandados, e estou seguro de que seguirán recibindo numerosos premios”, concluíu o presidente do Consello Regulador.

Pola súa banda, o alcalde do Barco agradeceu que a D.O. Valdeorras escollese unha vez máis a praza de Viloira para acoller este evento, destacou a calidade dos viños brancos e tintos valdeorreses, “e debemos estar orgullosos do que temos, e a proba está na aceptación que teñen en todas partes”. Así mesmo, Alfredo García facía un chamamento aos visitantes “para que aproveiten a fun de semana da feira para achegarse a Valdeorras”. Tamén resaltaba que o enoturismo vai ser “nos próximos 3 anos o leit motiv de Valdeorras dende un punto de vista do desenvolvemento turístico, aí temos un gran potencial”.

Listaxe de adegas participantes na XXIV Feira do Viño de Valdeorras

1. Adega A Coroa, S.A.T.
2. Adega Alan, S.A.T.
3. Adega O Cepado, S.L.
4. Adega Melillas e Fillos, S.L.
5. Adega O Casal, S.A.T.
6. Adega Quinta da Peza, S.L.
7. Adegas Terrae, S.L.
8. Arnadoval, S.L.
9. Bodega A Tapada, S.A.T.
10. Barón do Sil, S.L.
11. Bodega Cooperativa Jesús Nazareno, S.C.G.
12. Bodega Cooperativa Virgen de las Viñas, S.C.G.
13. Bodega Godeval, S.L.
14. Bodega Joaquín Rebolledo, S.A.
15. Bodega Jose Luis Aristegui Anido
16. Bodega Roandi, S.L.
17. Bodega Sampayolo, S.L.
18. Bodega Santa Marta, S.A.T.
19. Guitián y Blanco, S.C.
20. Virgen del Galir, S.L.U.

Artigos relacionados

Back to top button