CulturaCulturaÚltima hora

A XXXIII edición do Festival de Teatro Galego do Carballiño inclúe dez espectáculos

Celebrarase do 6 ao 9 de setembro no auditorio municipal, nas rúas da vila, no anfiteatro da praza da Veracruz e na Insua dos Poetas

 

A XXXIII edición do Festival de Teatro Galego “Celso Parada” (FETEGA), celebrarase do 6 ao 9 de setembro no Carballiño coa posta en escena dunha ducia de espectáculos e dúas importantes novidades: o carácter solidario do festival coa Asociación de Discapacitados Psíquicos das comarcas do Carballiño e Ribeiro (Aspadisi), e a colaboración da Fundación Insua dos Poetas, que acollerá no espazo da Esgueva a obra de clausura.

Así se destacaba na presentación que tiña lugar o venres 2 de setembro no Pazo Provincial, nun acto presidido pola deputada de Cultura e Proxectos Audiovisuais, Patricia Torres, que contou asemade coa asistencia do director xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo; do concelleiro de Cultura do Carballiño, Diego Fernández; do director do certame, Carlos Ledo; do presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luis González Tosar; e do representante de Aspadisi, Manuel Amil.

“A cultura é un dos piares fundamentais para este goberno provincial”, declarou Patricia Torres, polo que a Deputación “non dubidou en apoiar esta nova edición que ofrece un cartel de calidade que seguro espertará o interese do público”. A deputada, que subliñou o carácter solidario do festival e, sobre todo, o feito de que se desenvolva todo en galego, engadiu que durante a pandemia e o confinamento “quedou claro que a cultura era a única vía de escape, nas súas diversas modalidades, polo que non podemos ser alleos á colaboración con iniciativas como esta”.

Para Anxo Lorenzo “trinta e tres edicións non son poucas”, máxime ademais mantendo “unha aposta clara pola produción en lingua galega”, palabras ás que se sumou Diego Fernández asegurando que o festival “é un motivo de orgullo para todos nós, pois falar de teatro galego dentro e fóra da nosa comunidade tamén é falar do Carballiño”.

 

Presentación en Ourense á XXXIII edición do Festival de Teatro Galego do Carballiño.

 

Luis González Tosar, que agradeceu a oportunidade ofrecida á Fundación Insua dos Poetas para colaborar co certame, anunciou que na edición do próximo ano promoverán un premio “destinado a dramaturgos que elaboren proxectos teatrais galegos para interpretar en espazos non convencionais”. O 20 % da recadación do festival irá destinado a Aspadisi, “un xesto que permitirá facer visible un labor de 27 anos”, agradeceu entre tanto Manuel Amil.

Catro escenarios para dez espectáculos

O director de FETEGA, Carlos Ledo, ofreceu os detalles dunha programación que inclúe dez espectáculos teatrais que terán como escenario o auditorio municipal, as rúas da vila, o anfiteatro da praza da Veracruz e a xa citada Insua dos Poetas.

O festival inclúe os premios Dorotea Bárcena ao mellor espectáculo, escollido polo público, e o premio de honra que nesta edición recoñecerá a traxectoria de Eduardo Rodríguez Cunha “Tatán”, polos seus 39 anos de carreira como marionetista e referente do teatro de obxectos en Galicia.

Artigos relacionados

Back to top button