DeportesÚltima hora

Aarón Pérez (Adas), entre os mellores de España nos 60 m Sub16

Lograba un sexto posto na final do Campionato de España desta categoría nunha carreira moi igualada

Aarón Pérez, do Club Adas, nun dos momentos previos á competición.

 

Non lograba repetir a marca de onte, pero si conseguía neste domingo superar a semifinal e pasar á final dos 60 m no Campionato de España Sub-16 de pista cuberta, que se celebraba nesta fin de semana nas pistas de atletismo de Expourense.

O atleta do Adas Cupa do Barco, Aarón Pérez, ía a por todas buscando facerse co podio nesta proba. Pero, non foi posible. O velocista remataba sexto na final, cunha marca de 7.22, nunha carreira moi igualada na que se facía co ouro Hugo Hernández (Unión Atlética Coslada), cun rexistro de 7.09.

Aínda así, no Club Adas celebran o seu destacado resultado. Demostrou claramente que está entre os mellores de España na súa categoría, xa que co rexistro de 7.14 que lograba onte pulverizaba a súa marca persoal, lograba un novo récord galego (que xa tiña el mesmo) e conseguía a segunda mellor marca deste campionato de España.

“Estou moi contento coa súa evolución e bagaxe persoal, temos que lembrar que é o seu primeiro ano nesta categoría e xa está entre os mellores de España, e nesta carreira creo que calquera dos que que estaban aí podía ser medalla, foi moi igualada. Así que temos moitas esperanzas postas nestas nel e moita ilusión de que se manteña a ese nivel. Tanto Aarón como Sergio Fernández, que competía onte en peso, demostran que o Adas está sacando outra fornada de futuros atletas”, asegura con satisfacción o seu adestrador e presidente do Adas, Agustín González.

 

O atleta do Adas competindo nos 60 m.

Artigos relacionados

Back to top button