DeportesEn portadaÚltima horaVídeos

Aarón Pérez (Adas) pasa a semifinais no nacional Sub16 nos 60 m e logra novo récord galego

O seu compañeiro Sergio Fernández era sétimo en peso

O atleta Aarón Pérez./ Foto: FAG.

 

Destacada actuación do valdeorrés Aarón Pérez, do Club Adas Cupa do Barco, no Campionato de España en pista da categoría Sub16, que se está a desenvolver nas pistas de Expourense. Este atleta competía pasadas as cinco desta tarde deste sábado na proba dos 60 m, ganando a súa serie (a número 3) cunha marca de 7.14, o que significa un novo récord galego nesta proba (que tiña o propio Aarón con 7,19) e tamén a mellor das marcas das series realizadas ata agora.

 

Vídeo cedido polo Club Adas.

 

Isto significa que pasa ás semifinais, que terán lugar mañá, e se as supera podería estar na final. Pero todo dependerá do seu estado físico. “A nota negativa foi que, tras cruzar a liña de meta, Aarón sufriu un pequeno accidente, e caíu sobre os dous xeonllos, tendo un deles inflamado. A ver en que condicións se atopa mañá o seu xeonllo. El ten a terceira mellor marca dos inscritos no campionato, co cal, en condicións normais tería opción de medalla, esperemos que se recupere e poida loitar por ela”, comenta o presidente do Club Adas, Agustín González, que destaca a excelente saída do velocista, “é unha das características deste atleta”.

Por outra banda, Sergio Fernández, o outro atleta do Adas presente neste nacional, competía en peso (4 kg), logrando unha sétima posición cunha marca de 12,91 na súa final. “Estivo preto da súa mellor marca, e estamos satisfeitos da súa actuación”, sinala Agustín González.

 

Sergio Fernández, do Club Adas, competindo en peso.

Artigos relacionados

Back to top button