Co obxectivo de “lembrar a importancia que tivo a castaña nesta zona e ao mesmo tempo crear un espazo para a socialización e posta en valor do rural”, a Asociación Sociocultural Boca do Monte organiza para o sábado 5 de novembro, a VI Xornada Castañeira que se celebrará nos Anguieiros, parroquia de Montefurado (Concello de Quiroga).
O programa de actividades arrancará ás 10h. cunha ruta de sendeirismo (saída e chegada na aldea dos Anguieiros), que comeza cunha altitude duns 350 metros e descorre no seu comezo polo camiño de Vilanuide ata chegar a “o arroio” para, dende alí, empezar a subir en dirección ao alto de Cabrita. “Pero xusto antes de bifurcarse o camiño para o alto da Cabrita e Vilanuide tomamos un sendeiro á dereita que sube pola devasa nun ascenso de bastante pendente de máis dun quilómetro que nos leva ata a cima do monte que está por enriba de Vilanuide e dende onde se ve moi ben todo o val de Montefurado que outrora fora un complexo mineiro romano de onde se extraía moito ouro”, explican dende a asociación. Xa por pistas, a ruta continúa cara Sesmil nun tramo de subidas e baixadas que nos levará a esta aldea de controvertido topónimo xa que aínda hoxe hai discusións de se foi chamado así pola presenza na zona dunha lexión de romanos; regresando aos Anguieiros en baixada e con vistas de paxaro de todo o val.

Ás 17h. haberá unha visita divulgativa a algunha caniceira, coñecendo formas tradicionais de pisado da castaña, e un obradoiro de elaboración de cabazas de Samaín en familia. E xa pola noitiña, para as 20h. está programado o magosto popular con merenda, castañas asadas e licores, co acompañamento músical de Abertal da Rúa.
A organización desta actividade cultural e dinamizadora do rural conta cunha achega da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.




