CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

Abertal preséntase como Asociación Cultural

O 15 de setembro terá unha xornada de portas abertas na Casa da Cultura da Rúa: de 17:30 a 19 horas para nenos de 4 a 15 anos e de 19:30 a 21 horas para adultos

 

A pandemia de Covid 19 non só fixo estragos a nivel sanitario e económico. O ano 2020 foi un ano especialmente duro para Abertal, sen poder case ensaiar, sen actuar e cun importante descenso no número de alumnos. Tamén chegaba o momento de xubilarse do fundador e director da escola de música e baile tradicional, Manolo Durán, que deixaba as clases, aínda que non o proxecto. “A idea sempre foi ir dando paso á xente nova, co cal as miñas clases paseillas a Óscar Guerra que leva a sección de gaita; Xilda Durán segue levando a de percusión e pandeireta; Manuel Cobas a de baile e pandeireta; e no lugar de Manuel Olegario entrou Suso Rodríguez na sección de acordeón”, explica o propio Durán.

A súa xubilación e a pandemia foron, entre outros, os motivos que levaron ata a daquelas escola municipal a comezar o proceso para converterse en asociación cultural, cunha directiva provisional formada polo propio Manuel Durán como presidente, Maribel Campos como secretaria, Paula Fernández como tesoureira e Adelaida Barrio e Mª Carmen Calvo como vogais. “Ademais de voluntarios como Vanessa, Elisa e Puri”, di Durán, recoñecendo que a partir de agora teñen que facer unha campaña de captación de socios e alumnos e unha vez que teñan un número aceptable, farán unha nova reunión para elixir á directiva definitiva.

 

Manolo Durán, presidente da Asociación Cultural Abertal.

 

Tras máis dun ano sen actuar, Abertal reencontrábase co público no festival polas Letras Galegas o 17 de maio e tras meses de papeleo, ás portas de comezar un novo curso, na tarde deste venres 10 de setembro presentábase como asociación cultural nun acto celebrado no Centro Cultural Avenida.

Diante de moitos dos seus membros e seguindo un estrito protocolo anticovid, era Durán, fundador da agrupación de música e baile tradicional hai xa máis de trinta anos, o encargado de presentar á directiva provisional, con el no escenario, así como aos profesores (Suso e Manuel non puderon asistir).

De seguido, a secretaria da xa constituída Asociación Cultutal Abertal era a encargada de explicar o cambio. “Deixamos de sermos escola municipal e pasamos a ser unha asociación cultural cuxo primeiro fin é o de seguires coa ensinanza e divulgación da música e baile tradicional pero administrativamente ben regulados”. Este novo estatus permítelles ter independencia e traballar con máis ilusión para o cal son indispensables os socios.

 

A directiva (Adelaida, Mari Carmen, Manolo, Maribel e Paula)e dous dos preofesores de Abertal, Xilda e Óscar.

 

De números falou a tesoureira Paula Fernández, adiantanto que “para pertencer a Abertal hai que ser socio (20 euros ao ano por unidade familiar) o que aportará unha serie de beneficios” e a partires de aí, o prezo das clases (un pouco máis alto que ata o de agora) irá en función das actividades ás que se asista. “Sabemos que son cartos, pero que ninguén que queira deixe de formar parte de Abertal porque miraremos a forma de que sexa factible”, aseguraban, insistindo unha e outra vez na importancia dos socios. “Este é un proxecto de futuro e de conxunto que funcionará se todos remamos na mesma dirección e colaboramos”.

Como non podía ser doutro xeito, das clases falou o mestre de gaita, explicando que comezarán o 1 de outubro e rematará no mes de xuño, seguindo de forma orientativa o curso escolar (o coro e os cantos de taberna de momento continúan á espera de ver como funcionan os protocolos). O período de matrícula farase a partir do 15 de setembro e ata o 31 de outubro, e o 25 de setembro ás 19:30 horas haberá unha reunión informativa para perfilar os horarios das clases.

Uns días antes, o 15, terán tamén unha xornada de portas aberta na Casa da Cultura para que a xente que non os coñeza poida ter un primeiro contacto cos diferentes instrumentos e ver como serán as clases. Para nenos de 4 a 15 anos será de 17:30 a 19 horas; e para os adultos, de 19:30 a 21 horas, sempre respectando as normas de seguridade anticovid e “con sentidiño”.

Máis información e contacto nas redes sociais (Instagram e Facebook), no correo electrónico asociacionabertal@gmail.com ou no teléfono 646 373 362.

Fotos: Mónica G. Bellver.

 

Artigos relacionados

Back to top button