Dende o 1 de outubro e ata o 30 de novembro estará aberto o prazo para a presentación de traballos para o XVII Premio Pura e Dora Vázquez de ilustración que convoca a Deputación de Ourense, dotado con 1.500 euros, ao que poderán concorrer ilustradores que presenten obras inéditas e orixinais que tomen como base o texto premiado nesta edición na modalidade de narración: a obra de Begoña Graña Suárez Adrán e a fábrica de xeo. As persoas interesadas poden solicitar a obra premiada de narración a través do correo electrónico publicacions@depourense.es ou no teléfono 988 317 790.
O xurado estará composto polo presidente da Deputación de Ourense ou persoa en quen delegue e cinco vogais designados pola comisión informativa de Cultura da Deputación a proposta dos grupos políticos da corporación, e como secretaria, a xefa da sección de Arquivo e Publicacións da Deputación. O acto de entrega do XVII “Premio Pura e Dora Vázquez” de ilustración será a partir da emisión do ditame do xurado. O día, lugar e hora comunicaranse oportunamente, e para recibir o premio será necesaria a asistencia dos premiados ou dun representante no acto de entrega deste. O premio poderá ser declarado deserto.
As bases completas poden consultarse no seguinte enlace:
BOP do 5 de xuño de 2020 – Bases XVII Premio Pura e Dora Vázquez de ilustración