Ás once da mañá deste sábado 19 de decembro abría as súas portas a décima edición do “Mercadiño de Nadal” do Barco nunha carpa instalada na praza do Concello do Barco. Na mostra, na que se gardan as medidas anticovid, hai un circuíto de entrada e saída, ademais de ser obrigatorio o uso de máscara e de poñer a disposición dos visitantes xel hidroalcohólico.
Máis de vinte postos de produtos moi variados poden visitarse nesta mostra: dende artigos de decoración, adornos, bisutería e artesanía, ata produtos gastronómicos de calidade como viños, bicas, castañas secas, fariña de castaña e licores, queixos, pan, etc. Tras a apertura do recinto feiral, o concelleiro de Promoción Económica, Turismo, Comercio e Consumo do Barco, Eladio Santos, facía un percorrido polos diferentes stands.
O mercado, que se funcionará o 19 e 20 de decembro, ten un horario de apertura de 11h. a 14h. e de 16:30h. a 21h. Ademais de exposición e venda, tamén está previsto que se realicen demostracións de traballos dos artesáns.
Fotos: A.R.