ConcellosÚltima horaVerín

Ábrese a convocatoria para participar como Cigarrón no desfile anual en Santiago

Aberto o período de inscrición para todos aqueles veciños maiores de idade que desexen participar no emblemático Desfile de Entroidos tradicionais de Galicia, que se realizará o próximo sábado 7 de setembro en Santiago de Compostela. O prazo de inscrición estará aberto ata o mércores 31 de xullo.

Este evento organizado por Turismo de Galicia en colaboración con diferentes institucións e asociacións, celébrase cada ano como forma de escaparate do Entroido tanto a nivel nacional e internacional, promovendo e difundindo os valores deste dentro da nosa comunidade autónoma.

“As prazas están dispoñibles ata completar xunto cos membros da Banda de Gaitas do Concello de Verín un máximo de 40 persoas, darase prioridade ás persoas que teñan traxe de Cigarrón, pero tamén existe a posibilidade de levar vestido o capuchón ou disfrace. O transporte ata a capital galega e a comida estarán financiados para todos os participantes por Turismo de Galicia”, segundo informa o Concello de Verín.

Para inscribirse, os interesados deberán acudir de maneira presencial á Oficina Municipal de Información Turística de Verín, no seu horario de atención, de 09:30 a 14:00 horas pola mañá, e de 17:00 a 19:00 horas pola tarde, de luns a venres. É imprescindible para completar a inscrición que os aspirantes aporten os seus datos persoais, incluíndo nome e apelidos, idade e DNI, así como que cedan os seus dereitos fotográficos asinando un documento que o acredite.

Back to top button