
O Concello do Barco pon en marcha o proxecto “Pasea O Barco”, desenvolvido pola Concellería de Turismo. O proxecto ten como obxectivo “dar a coñecer a historia do Barco, por medio dun paseo polas rúas, o que permitirá tamén que os visitantes coñezan os lugares máis emblemáticos da localidade”, explican dende o Concello.
O día 31, ás 20,30 horas, realizarase un percorrido guiado, con expertos na historia e na paisaxe do Barco. Todos os interesados poden inscribirse para participar nesta actividade na oficina de Turismo, ou no correo electrónico infoturismo@concellodobarco.org.
Este percorrido guiado pretende levar aos visitantes polo casco urbano do Barco, entre o Xardín Botánico (ao fondo do Malecón) e Viloira, con oito puntos nos que se situaron outros tantos paneis informativos, con pequenos textos, fotografías e códigos QR para dar a coñecer a historia de cada un deses puntos. Ademais de textos, cos códigos QR pódese acceder a máis información, fotografías, algunhas delas históricas, vídeos (entre eles a recreación sobre a caída da ponte de San Fernando) e audios.
Tamén se editaron folletos informativos, cunha descrición de cada un dos puntos onde se situaron os paneis, así como o mapa da ubicación de todos eles e o percorrido, que comeza nas proximidades do Xardín botánico, continúa polo paseo do Malecón, a Praza Maior, a Pasarela da Capitana, os xardíns da Casa Grande, a praza de Viloira, a Ponte de San Fernando e de novo o paseo do Malecón.
Os folletos distribuiranse na oficina de Turismo do Barco, outras oficinas da zona, así como establecementos hostaleiros para que os repartan entre os seus clientes.