Ter maior presenza, dar a coñecer a realidade de Cáritas e facela na zona da Unidade Pastoral (UPA) do Barco: Carballeda de Valdeorras, Rubiá, Vilamartín, Puente de Domingo Flórez e O Barco. Son algúns dos obxectivos que se marca o novo equipo que vén de tomar as rendas desta entidade, tras a renuncia presentada polo anterior director, Julio Mourelo, e que se presentaba o pasado venres no salón parroquial do Barco.
Ao fronte deste novo equipo está, como presidente, o párroco barquense, Jesús Álvarez, mentres que o seu director é Celso Francisco Gómez Caamaño, sendo o tesoureiro da entidade Venancio Arias e o secretario Tarcisio Ávila. A directiva complétana M. Rosario (en representación de Viloira), a Irmá Marta (O Barco), Esther (Puente de Domingo Flórez), Celsa (Sobradelo) e Tarcisio (Rubiá). Como persoal técnico, continúa a traballadora social Isabel Álvarez.
“A intención é incorporar algún nome máis a este equipo”, matizaba o presidente de Cáritas da UPA do Barco, Jesús Álvarez, “a idea é contar con representantes en cada un dos pobos cabeceira da unidade, traballaremos en conxunto con eles, cos sacerdotes da unidade e tamén falaremos cos asistentes sociais de cada un deses municipio. Pretendemos crear como unha especie de tea de araña nas diferentes partes da unidade para que Cáritas teña representatividade e para darlle visibilidade ao labor social da Igrexa. Imos traballar dun xeito o máis unidade posible”. Así mesmo, o presidente de Cáritas do Barco agradecía o esforzo e labor realizado polas persoas que formaban parte dos equipos directivos anteriores da entidade.
O presidente de Cáritas comentaba que o labor do voluntariado é moi importante para Cáritas, “tamén imos traballar para intentar captar socios e voluntarios”, pero ao mesmo tempo incidía en que é clave contar cunha técnica na entidade “para actuar con rigor nos diferentes procedementos, iso é fundamental para realizar unha boa atención no día a día e cumprir coa normativa vixente sempre”.
Este novo equipo dábase a coñecer na pasada fin de semana nas igrexas da Unidade Pastoral do Barco.
Fotos: A.R.