PolíticaÚltima horaVídeos

Acción do BNG no encoro do Cenza para denunciar “o espolio enerxético en Galiza”

Publicidade

 

“Galiza produce. Madrid consome. Tarifa galega. Espolio nunca máis”. Era a mensaxe dos carteis que o BNG despregaba esta mañá sobre a superficie baleira de auga dunha zona do encoro do Cenza, no municipio de Vilariño de Conso, nunha acción reivindicativa a modo de denuncia da situación dos encoros e reclamando unha acción inmediata dos gobernos galego e central.

“Queremos denunciar o expolio absolutamente insultante con este país das empresas enerxéticas, que ademais conta coa complicidade do goberno galego e do goberno central que non están actuando. Nestes días estamos vendo como no Cenza, como en Portas, ou noutros encoros teñen unha capacidade dun 15% cando habitualmente están por riba do 50% ou mesmo do 75% e isto ten importantísimas consecuencias no territorio, na forma da poboación e na prevención e loita contra os incendios, que nesta parte do país nos afecta moito, e tamén en actividades como o deporte ou a pesca”, aseguraba a deputada do BNG por Ourense no Parlamento galego, Noa Presas.

 

 

Ademais destacaba que “é insoportable esta situación, é inaceptable, cando ademais estamos vendo un agosto no que cada día se baten récords no prezo da luz. Dende o BNG reclamamos capacidade de decidir sobre o sector enerxético e que goberno central e Xunta actúen, que incoen sancións efectivas de forma inmediata e que aposten por unha intervención pública para que esta situación se resolva canto antes e a veciñanza poida vivir en tranquilidade”.

 

 

Presas comparecía ante os medios de comunicación acompañada pola concelleira da Agrupación de Electores de Vilariño de Conso, Dora Sierra, quen resaltaba que nunca “o encoro estivo tan baixo. Se o desastre medioambiental que estamos vendo servise para algo, aínda o poderíamos entender, pero temos unha tarifa eléctrica carísima, todos os anos estamos masacrados cos lumes, o ano pasado foi bestial e este ano, como non chova, non imos ter con que apagalos, por iso estamos un pouco asustados co tema”.

 

 

Neste acto reivindicativo tamén participaban diferentes cargos municipais do BNG na comarca de Viana e Vilariño e doutras limítrofes, así como militantes nacionalistas.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button