EconomíaEconomíaÚltima hora

Aceites Abril inaugura a súa segunda liña de refinado

A planta ocupa unha superficie de case 32.000 metros cadrados no polígono de San Cibrao das Viñas en Ourense

 

Aceites Abril inauguraba esta mañá unha segunda liña de refinado na súa planta de San Cibrao das Viñas. Dita instalación, que complementa a xa existente desde 2015, garantirá a súa capacidade de produción para continuar a súa expansión nacional e internacional. A familia Pérez Canle, propietaria da empresa, acompañou a todos os asistentes durante a visita institucional encabezada polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, quen estivo acompañado do conselleiro de Medio Rural, José González; vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández; o alcalde de San Cibrao das Viñas, Manuel Pedro Fernández Moreiras.

O conselleiro delegado de Aceites Abril, Luís Pérez Canal, foi o encargado de guiar á comitiva oficial tanto pola nova liña de refinado como pola planta de envasado. No transcurso deste percorrido procedeuse ao descubrimento dunha placa conmemorativa.

Posteriormente tivo lugar o acto oficial, onde Luís Pérez fixo un repaso pola historia desta empresa familiar fundada no tradicional barrio da Ponte, en Ourense, e que despois de 60 anos continúa incrementando as súas cifras de negocio e exportación, como unha empresa referente a nivel galego.

No seu discurso, o conselleiro-delegado destacou que “o investimento total do proxecto de ampliación alcanzou a cifra de oito millóns e medio de euros”. Esta obra, iniciada en novembro do 2019 e finalizada en 2021, complementa á primeira liña inaugurada no ano 2015, sendo a primeira deste tipo posta en marcha en Galicia. Estas instalacións permiten a Aceites Abril ampliar a súa capacidade de refinado, proceso mediante o cal “eliminan o exceso de acidez e cor do aceite procesándoo para convertelo en apto para o consumo”. Estas plantas, sumadas ás do porto de Vilagarcía de Arousa (uns tanques de almacenamento con capacidade para trece mil toneladas) son o resultado do proceso de modernización e ampliación que afronta a empresa desde 2015 e que supuxo un gran investimento para a empresa aceiteira ourensá.

 

 

Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo resaltaba a aposta polo rural, pola calidade e por Galicia de Aceites Abril. “Non en van, estamos a falar dunha empresa que, cunha facturación de 300 millóns de euros, exporta a 60 mercados, entre eles, Romanía, Paquistán, Bangladesh, Nepal, Libia ou Corea do Sur”.

E na súa intervención tamén sinalaba que ata o vindeiro 7 de marzo estará aberto o prazo da nova convocatoria de axudas para a transformación e comercialización que, cunha achega de 30 millóns de euros -un 15% máis que a anterior edición-, facilitará, entre outras cousas, garantías (avais) para préstamos destinados a proxectos, así como expandir iniciativas.

Logo de recordar que este programa ten contribuído notablemente á competitividade do sector primario, con preto de 400 proxectos beneficiarios no período 2016-2020 e 100 millóns de euros investidos, o titular da Xunta salientou tamén que ata o 9 de marzo permanecerá aberto o período de solicitude das axudas para a incorporación de mozos ao agro, para plans de mellora e pequenas explotacións.

“Estamos a falar de máis de 37 millóns de euros destinados a favorecer a remuda xeracional no sector primario, para estimular a actividade e para favorecer a modernización do noso tecido produtivo no rural”, abundou, resaltando que, desde 2009, foron máis de 4.000 os mozos que se sumaron ao sector primario.

Ademais destas axudas, Feijóo afirmou que o Executivo galego seguirá apoiando a competitividade do rural a través doutras iniciativas como a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia que conta con figuras como: os polígonos agroforestais, para mobilizar grandes superficies, como os dez nos que se está a traballar; as aldeas modelo; ou as agrupacións forestais de xestión conxunta.

Artigos relacionados

Back to top button