ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Acevedo (Chandrexa de Queixa) celebra o seu segundo salón de té

Publicidade

Acevedo é unha aldea pequeniña pero moi riquiña do Concello de Chandrexa de Queixa que no verán, como tantas outras, se enche de vida. Fai un ano chegaron de Londres Cristina, Marc e Pablo, con agasallos marabillosos: tés, galletas, fariña para scones…

Alguén tivo a idea e arrincamos o primeiro salón de té ás 5 de Acevedo. Preparamos nun xardín unha fermosa mesa chea de doces: scones coa súa nata e marmelada feita de moras para a ocasión, tarta de cenoura con noces, pastas con manteiga das nosas vacas e chocolate, todo sobre unha mesa preparada para a ocasión con delicadeza. A ese primeiro salón de té, acudiron todas as mulleres e nenos do pobo, degustando a infusión preparada con esmero por Marc e Cris coas herbas traídas das illas, soa ou con leite. Foi un éxito.

 

O 28 de agosto celebramos a segunda edición do té ás 5 en Acevedo, na que repetimos o ritual, como se foramos ingleses; pero introducindo un ingrediente que seica eles compaxinan: o champagne, no noso caso un cava galego.

Os nenos axudan a amasar os doces, fan tarxetas de entrada, decoran o xardín, as nais afánanse na loxística para que todo saia á perfección e así foi, celebramos por segundo ano cun éxito rotundo o noso peculiar salón de té en Acevedo, porque todo é posible, todo sirve para compartir, para disfrutar, para facer comunidade, para conseguir unha colaboración e en definitiva para pasar un rato moi agradable dun xeito pouco común.

Texto e fotos: Raquel Pérez.

 

Artigos relacionados

Back to top button