ConcellosÚltima hora

Acordo de goberno entre o BNG e o PSdeG en Viana

Asínase un día antes de que o novo concelleiro socialista, Santiago Barja, tome posesión no pleno do 2 de marzo

 

Santiago Barja, segundo pola esquerda, xunto a alcalde de Viana e algúns concelleiros no exterior do salón de plenos do Concello, durante unha visita./ Foto: Carlos G. Hervella.

Despois de case dous anos de goberno nacionalista en minoría en Viana do Bolo, o BNG e o PSdeG-PSOE veñen de asinar un acordo. Un pacto que se rubricaba e se facía público xusto un día antes de que o socialista Santiago Barja tome posesión como concelleiro na Corporación vianesa, cubrindo o baleiro deixado tras a renuncia de Jesús Salgado.

O pacto asinado polo futuro edil e polo alcalde de Viana, Secundino Fernández, inclúe tres puntos, o primeiro dos cales é o compromiso do socialista de “facilitar a aprobación do orzamento do 2017, que será levado a pleno o próximo 2 de marzo”, o menos no que Barja asumirá o cargo de concelleiro. Ademais o alcalde e o BNG amósanse “dispostos a modificar a conformación do grupo de goberno” de xeito que Santiago Barja entre a formar parte da xunta de goberno, que asuma as competencias en medio rural e que dispoña de espazo nas oficinas municipais. Tamén se matiza que as competencias concretas en medio rural do futuro edil “serán establecidas nunha negociación posterior”.

O derradeiro punto do acordo refírese  ao compromiso de BNG e PSdeG a “seguir negociando para chegar a un acordo de goberno que cumpra co anteriormente exposto e que inclúa todo o preciso para formar un goberno entre as dúas forzas políticas”.

 

Artigos relacionados

Back to top button