PolíticaÚltima hora

Acordo de goberno entre o BNG e o PSdeG-PSOE en Viana, que veñen de presentar unha moción de censura

Os termos do pacto establecen unha alcaldía rotatoria, primeiro un ano do partido socialista e o restante do BNG, e unha xunta de goberno local paritaria "para superar a situación de bloqueo institucional"

Representantes do PSdeG-PSOE e do BNG en Viana do Bolo, tras o acordo./ Cedida.

 

O Partido dos Socialistas de Galicia- PSOE e o Bloque Nacionalista Galego veñen de anunciar a sinatura dun acordo de goberno no Concello de Viana do Bolo, que abarca o período 2025-2027, co “obxectivo de garantir a estabilidade política e impulsar unha xestión municipal responsable e transparente”. O acordo, asinado polos representantes de ámbalas formacións e os seus responsables a nivel local, establece un marco de cooperación institucional baseado na corresponsabilidade efectiva, solidaria e leal de ambas forzas na acción de goberno municipal, tal e como informan estas formacións políticas.

Esta moción de censura vén de se xa presentada neste 22 de agosto no Concello de Viana do Bolo. A partir de aí terán que pasar 10 días hábiles para o pleno no que será debatida e votada.A

A proposta de goberno contempla unha alcaldía rotatoria que se desenvolverá en dúas fases claramente definidas. Nun primeiro período, o candidato do PSdeG-PSOE, Germán García-Ávila Arias, ocupará a alcaldía ata o 18 de agosto de 2026, momento no que asumirá o cargo un representante do BNG ata o final da lexislatura. Para garantir a participación equilibrada de ambas formacións na xestión municipal, crearase unha xunta de goberno local integrada por dous membros de cada grupo político, cuxos representantes serán elixidos pola respectiva organización.

Compromiso coa estabilidade institucional

O acordo establece un marco de colaboración que “busca superar a situación de bloqueo e parálise que atravesa o municipio”, aseguran. Os grupos asinantes comprométense a “garantir a estabilidade do goberno municipal, votando todas as propostas do grupo que detente a alcaldía e aprobando as súas iniciativas de ámbito local no pleno municipal. Como elemento destacado do pacto, no referente aos posibles remanentes de tesourería, cada forza política terá un poder de decisión dun 50% nos ditos fondos, garantindo deste xeito a participación equitativa na toma de decisións sobre os recursos municipais dispoñibles”.

Inciden estes dous partidos políticos en que o pacto xurde “como resposta á necesidade de abordar os problemas estruturais que enfronta Viana do Bolo, entre os que se atopan a crise demográfica, o envellecemento poboacional, a modernización dos servizos públicos e a necesidade de impulsar políticas de revitalización territorial”. Ámbalas formacións coinciden en sinalar que a situación actual do concello require unha acción de goberno coordinada e eficaz, deixando de lado os lexítimos intereses políticos particulares para priorizar o benestar da veciñanza e o futuro do municipio.

Novo modelo de xestión municipal

O acordo representa un “cambio de modelo na xestión municipal, apostando pola transparencia, a participación cidadá e a utilización responsable dos recursos públicos”. As dúas forzas políticas comprométense a traballar conxuntamente para implementar políticas de cohesión territorial, revitalización do rural e desenvolvemento sustentable. O pacto tamén contempla mecanismos para garantir que cada grupo político poida presentar as súas propostas independentemente en ámbitos que non sexan de competencia municipal directa, respectando así a pluralidade política e os seus respectivos programas.

Os asinantes do acordo subliñaron que esta entente responde “á vontade das veciñas e veciños e á necesidade de propiciar a estabilidade política” no municipio, destacando que o obxectivo é “conformar un goberno que responda ás demandas das veciñas e veciños de Viana”.

O acordo das forzas asinantes busca “garantir un goberno no concello que faga realidade o cambio demandado pola veciñanza”, baseándose “en principios de cooperación institucional e traballo conxunto polo interese xeral do municipio”.

Back to top button