ConcellosÚltima horaVilamartín

Actívase o Plan de Protección Civil ante accidentes no transporte de mercadorías perigosas

O Trangal foi activado debido ao descarrilamento dun tren en Vilamartín de Valdeorras

 

Un dos vagóns envorcados esta tarde en Vilamartín./ Foto cedida.

 

A Xunta vén de activar o Plan de Protección Civil ante accidentes no transporte de mercadorías perigosas (Transgal) debido ao descarrilamento dun tren na tarde deste mércores 23 de agosto en Vilamartín de Valdeorras.

Tal como explican dende o Axega 112, os medios e recursos da zona fan fronte á situación mediante a aplicación de sistemas para a contención e control do derrame sen riscos para a poboación. Así, os propios equipos do centro de seguridade de Renfe, ADIF, xunto cos Bombeiros de Valdeorras, Grupo Supramunicipal de Emerxencias e Protección Civil, traballan para reverter a situación coas medidas de seguridade necesarias.

De feito, “desde os primeiros instantes, tras o coñecemento do accidente, pouco antes das cinco desta tarde, estableceuse un perímetro de seguridade co fin de facilitar as operacións dos equipos de emerxencias e garantir o bo estado das persoas e a contorna”, din dende o 112..

Este tren trasladaba, en gran parte, argón líquido e sufriu o accidente cando circulaba pola vía férrea paralela á N-120, ao paso por Vilamartín de Valdeorras. “Isto fixo posible que moitos condutores que se desprazaban pola estrada nese momento chamasen ao 112 Galicia para dar conta do que sucedía e deste xeito, activáronse os protocolos de intervención necesarios para a mobilización dos recursos”, contan dende o servizo de emerxecias.

Ningunha persoa resultou afectada por este accidente, iso si, a circulación está cortada, polo que Renfe xa estableceu medidas alternativas para o traslado dos pasaxeiros do seguinte tren que tiña previsto o paso pola mesma zona: un convoi procedente de Barcelona con 155 persoas a bordo.

Co fin de “atallar esta situación e dar unha resposta coordinada á emerxencia, a Xunta de Galicia activou o Plan de Protección Civil ante accidentes no transporte de mercadorías perigosas, Transgal. Así, faise fronte a fugas nos distintos vagóns, aínda que cómpre sinalar que están afectados cinco, dos cales só tres trasladan mercadorías delicadas”, puntualizan dende o 112, engadindo que desta maneira, “o convoi que perde gas argón líquido, sen riscos ao estar ao aire libre, deterase en canto consigan virar o vagón; mentres que o outro que derrama aceites, están contidos nunha balsa ata o seu trasvase a outro continente para a súa retirada e tratamento definitivos”.

Artigos relacionados

Back to top button