CulturaCulturaÚltima hora

Actividades en torno á obra de Curros Enríquez

A Fundación e a Xunta veñen de asinar un convenio de colaboración na Casa dos Poetas de Celanova
Sinatura do convenio  entre a consellería de Cultura e a Fundación Curros Enríquez.
Sinatura do convenio entre a consellería de Cultura e a Fundación Curros Enríquez.

A Fundación Curros Enríquez e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, asinaban na mañá do 10 de xullo un convenio de colaboración para “a realización de actividades arredor da obra de Curros Enríquez e para o mantemento da Fundación”, nun acto que tiña lugar no patio da Casa dos Poetas en Celanova, casa familiar de Manuel Curros Enríquez.

Tal como explican dende a propia Fundación, a programación incluída neste convenio inclúe a organización ao longo do 2015 do programa escolar “Vén coñecer a Celanova de Curros e Celso Emilio”; roteiros culturais por Celanova e os seus arredores; viaxes culturais a espazos literarios; a entrega do XXI Premio “Celanova, Casa dos Poetas”; ludotecas; presentacións de libros e audiovisuais; exposicións; visitas teatralizadas nocturnas polo Mosteiro de Celanova; e “diversos proxectos nos que se traballará sobre a obra de Méndez Ferrín, a reorganización e posta en marcha da Ruta Currosiana ou a creación dun premio de xornalismo”.

Trala sinatura realizouse unha visita guiada á Casa dos Poetas da man do presidente e do secretario da Fundación Curros Enríquez ao conselleiro, Román Rodríguez, que estivo acompañado polo secretario xeral de Cultura, o delegado territorial da Xunta en Ourense, a xefa territorial da Consellería, e varios patróns da Fundación como o deputado Antonio Mouriño, Xosé Benito Reza e Jose María Rodríguez.

O acto finalizaba coa inauguración da mostra “Carlos Casares e a fotografia” que poderá visitarse ata o mes de setembro en horario de martes a sábado de 11 a 13:30 e de 16 a 19h.

Artigos relacionados

Back to top button