Con motivo da celebración o vindeiro 28 de xuño do Día do Orgullo LGTBI, o Concello de Viana do Bolo e o Centro de Información á Muller (CIM) deste municipio organizarán actividades “para conmemorar este data entre a veciñanza vianesa e promover a aceptación da diversidade sexual e a non discriminación”.
O programa comezará co obradoiro “Diversidade sexual na adolescencia”, dirixido a parte do alumnado do IES Carlos Casares. Será impartido pola escritora galega Eli Ríos, quen a partir da súa novela “Dx”, abordará temas como a diversidade sexual, as relacións consensuadas e o amor na adolescencia… O obxectivo é “botar por terra” estereotipos e prexuízos de xénero, tal e como se adianta dende a organización.
O teatro será outra das propostas. Así o domingo 23 de xuño ás 20:30h. poderá asistirse na Casa da Cultura vianesa á representación da obra “Elisa e Marcela” de A Panadaría, que narra a historia de dúas mulleres galegas que se converteron no primeiro matrimonio de persoas do mesmo sexo acontecido en España. A historia, cargada de humor, convida a “reflexionar sobre os avances acontecidos en torno á aceptación da diversidade de xénero, pero tamén do moito que aínda queda por facer…”, din dende o Concello de Viana do Bolo.