CulturaEducaciónÚltima hora

Activistas de África e Centroamérica no IES Carlos Casares

Cristiana Francisca, Rina Abrego e Braima Sambu achéganlle o mundo da cooperación ao alumnado de Viana do Bolo
Os tres activistas co alumnado do IES Carlos Casares.
Os tres activistas co alumnado do IES Carlos Casares.

O alumnado do IES Carlos Casares de Viana do Bolo tivo a oportunidade de compartir experiencias con tres persoas de República Dominicana, O Salvador e Guinea Bissau vinculadas á cooperación para o desenvolvemento. A actividade, que tiña lugar na mañá do 13 de abril no instituto vianés, está encadrada dentro do proxecto educativo “O mundo que queremos”, financiado pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE.

Cristiana Francisca, de República Dominicana, é a presidenta de Mudha (Movimiento de Mujeres Domínico Haitianas) unha organización, que utiliza o teatro de rúa como medio para denunciar as inxustizas políticas, sociais, culturais e humanas ás que se ve sometida a poboación dominicana de ascendencia haitiana.

Rina Abrego, do Salvador, é técnica de Aprocsal, organización que loita polos dereitos das mulleres e polo dereito humano á saúde. Dende Aprocsal tamén utilizan o teatro como medio para sensibilizar sobre xénero, saúde sexual e reprodutiva, e medio ambiente.

Braima Sambu, de Guinea Bissau, é o responsable de proxectos de Alternag, organización que xestionou “Radio Catió”, unha emisora comunitaria que na actualidade é autoxestionada polo Centro Social Multifuncional Xuvenil de Tombalí en colaboración con organizacións de base.

Durante dúas semanas, os tres percorrerán os nove centros de ensino inscritos no proxecto (Viana do Bolo, Boiro, Rianxo, Alfoz-Valadouro, Miño, Beade, As Pontes e Castroverde), para expoñer as súas experiencias de participación cidadá, e explicarlle ao alumnado galego o traballo que están a realizar nas súas organizacións e como utilizan o teatro e a radio como medio de sensibilización e denuncia nas súas comunidades, destacando ademais a importancia de poder ter unha voz propia.

Artigos relacionados

Back to top button