ConcellosLaroucoSan Xoán de RíoÚltima horaVídeos

Acto de clausura en Larouco dos proxectos #Enrede e #RíoConcilia

 

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participaba esta mañá en Larouco na clausura da presentación dos proxectos #Enrede e #RíoConcilia, que se desenvolvían neste municipio e no de San Xoán de Río co apoio da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. Estaba acompañada, entre outras autoridades, pola alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela, e polo rexedor de Río, Xosé Miguel Pérez Blecua.

 

 

 

En concreto, Enrede aposta pola “participación en feminino, para promover o liderado da muller” e recibiu un financiamento de máis de 26.200 euros, mentres que RíoConcilia, no que participaron entre xuño e setembro unha trintena de nenas e nenos de entre 3 e 14 anos, contou cun máis de 14.800 euros de apoio, o que en total sumou máis de 40.000 euros.

López Abella puxo en valor o programa autonómico de axudas para impulsar en toda Galicia non só o desenvolvemento de actividades encamiñadas a impulsar a igualdade entre mulleres e homes e a promover a conciliación corresponsable, senón tamén a apoiar os centros de información á muller. Así mesmo apuntou que a promoción da igualdade, a loita contra a violencia de xénero e o impulso da conciliación corresponsable son eixos prioritario das políticas de igualdade da Xunta. Ademais dos diferentes programas de axudas, lembrou que a nova Lei autonómica para a igualdade efectiva entre mulleres e homes prestará especial interese á igualdade e o benestar laboral e á conciliación da vida persoal e profesional.

 

 

Así mesmo, a finais deste ano está previsto finalizar a avaliación completa do I Plan Galego de Conciliación e Corresponsabilidade (2018-2021) e presentar o II Plan, que terá unha vixencia ata 2027.

Segundo López Abella, é preciso “seguir avanzando nun modelo de sociedade de roles compartidos e equilibrados e é importante un cambio de actitude, a xeración dunha nova cultura a favor da igualdade e o benestar laboral, valores que se deberían ir interiorizando desde idades temperás”, rematou.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button