
Era un apaixoado do Entroido, unha tradición que viviu con gran sentimento dende meniño na súa aldea natal Buxán (O Bolo). Manuel Arias Vidueira foi durante moitos anos Mázcara e ultimamente tocaba o bombo ou o sacho, mantendo viva esa ilusión pola festa cos seus veciños.
Coincindindo con estas datas tan especiais para el, Manuel Arias falecía de forma inesperada o 20 de febreiro aos 57 anos idade, deixando unha gran consternación e tristura no seu pobo, onde era moi querido.
A súa familia, veciños e amigos daranlle o seu último adeus mañá martes 22 de febreiro nun funeral previsto ás 12h. na igrexa de Buxán, para despois ser enterrado no cemiterio parroquial.
A aldea está de loito pero en lembranza a Manuel Arias, e polo moito que quería ao Entroido, manterán este ano esta celebración para homenaxealo deste xeito: tocando o fulión e facendo bailar as Mázcaras.