A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar a redacción do proxecto de reurbanización da travesía rúa Campogrande, no concello da Rúa.
Estes traballos, adxudicados á empresa E I C Duran, S.L. por importe de máis de 18.000 euros, terán un prazo para a redacción do proxecto de 6 meses.
Trátase de deseñar unha primeira fase de acondicionamento desta travesía da estrada autonómica OU-603, no treito entre a intersección coa rúa Circunvalación, no punto quilométrico 1+450, e a intersección coa travesía Campogrande–Arnaveca, no punto quilométrico 1+860, tal como explican dende Infraestruturas.
O orzamento estimado pola Xunta para esta intervención na estrada OU-603, que conforma o eixe principal do núcleo urbano da capitalidade do concello da Rúa, suporá un investimento de arredor de 1 M€.
O proxecto obxecto deste contrato incluirá a renovación dos servizos urbanos, entre eles, a iluminación, así como a mellora da accesibilidade nas marxes da estrada e o reforzo da seguridade viaria.