ConcellosO BarcoÚltima hora

Adxudicada a renovación de pavimento e infraestruturas en Cesures, Fervenza e Millarouso (O Barco)

Concello do Barco./ Foto: A.R.

 

O Concello do Barco vén de adxudicar á empresa Repoblaciones, Obras y Canalizaciones a obra de renovación de pavimento e infraestruturas en Cesures, Fervenza e Millarouso, “por un importe de case 231.000 euros” e un prazo de execución de “5 meses, contados a partir da data en que se produza a firma do contrato coa empresa”, indican.

As actuacións que se van realizar, consisten na renovación do pavimento nos núcleos de actuación, así como a substitución das infraestruturas de abastecemento, saneamento e rego. En primeiro lugar, procederase ao corte e demolición do pavimento de formigón existente nas zonas de actuación dos tres núcleos mencionados, e logo abriranse as gabias para realizar as substitucións das diferentes infraestruturas e servizos.

En todos os núcleos de poboación colocaranse tubaxes de abastecemento de polietileno de alta densidade e conducións de saneamento de PVC. Procederase tamén á reposición ou execución de acometidas domiciliarias de abastecemento e saneamento, á instalación de válvulas de corte e á execución das arquetas de subministro de auga, colocación das arquetas de rega, os pozos e os sumidoiros. Tamén se colocarán bocas de rega segundo a normativa, e se procederá á reparación das redes existentes afectadas polas
obras (gas, telefonía, electricidade, rega, cableados, etc).

Ademais das obras xerais xa indicadas para todas as poboacións, en Fervenza executarase unha beirarrúa de lousa na Praza, que funciona como punto de reunión da veciñanza, e na que están a fonte e o centro social, e se creará unha zona de bancos de descanso. Tamén se colocarán sinais dos roteiros cara a Pincheira de Fervenza, e dos accesos á capela. En Cesures procederase á limpeza das marxes, e instalarase un ancho de calzada homoxéneo con pendentes ao centro, deixando cunetas naturais e muretes de cachotería, ao igual que en Millarouso.

Artigos relacionados

Back to top button