ConcellosÚltima horaViana do Bolo

Adxudicadas as obras de rehabilitación da praza de abastos de Viana por case 600.000 euros

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda achegará o 70% do custo da actuación e o Concello de Viana do Bolo o 30% restante

Publicidade

 

Véñense de adxudicar por un importe de preto de 600.000 euros (concretamente 590,558,65 euros) as obras de rehabilitación da praza municipal de abastos de Viana do Bolo, unha actuación que permitirá reformar este espazo público e darlle novos usos, tal e como informa a Consellería do Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Cun prazo de execución previsto no contrato de 11 meses, trátase dunha iniciativa municipal coa que se pretende recuperar esta praza e convertela nun edificio de usos múltiples, con locais e espazos para uso e servizo por parte das asociacións de veciños e entidades sociais do Concello.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda achegará o 70% do custo da actuación e o Concello de Viana do Bolo o 30% restante, tal e como consta no convenio de colaboración asinado entre ambas partes o pasado mes de abril.

A Xunta tamén asume a contratación e execución das obras —conforme ao proxecto municipal aprobado—, tendo en conta que en moitas ocasións as entidades municipais non dispoñen da capacidade técnica necesaria para este fin. Pola súa parte, o Concello encargarase da explotación, mantemento e conservación das instalacións, tras a recepción das obras.

Esta actuación se enmárcase no chamado plan Hurbe, unha iniciativa posta en marcha polo Goberno galego hai 12 anos co fin de acometer actuacións orientadas a frear o despoboamento, potenciando as infraestruturas, servizos e equipamentos públicos e mellorando o benestar e a calidade de vida da cidadanía.

“Nese sentido, a recuperación da praza de abastos de Viana do Bolo encaixa nos obxectivos deste programa, ao mellorar as dotacións á disposición da veciñanza, aumentando a variedade e elevando os niveis de servizo existentes no municipio”, sinalan dende a Xunta.

Artigos relacionados

Back to top button