A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de publicar na plataforma de contratación de Galicia a adxudicación das obras de construción de peches laterais, soportal e dotación de aseos na pista deportiva cuberta do CEIP P. Julio Gurriarán Canalejas do Barco.
Teñen un prazo de execución de 4 meses e os traballos foron adxudicados á UTE Construcciones M. Espiño, S.L. Medancli por un importe de 409.597,31 euros. Para levar a cabo esta actuación asinouse un convenio co Concello do Barco de Valdeorras, de acordo co cal a Administración local achegará 150.000 € e a Consellería a parte restante.
“O obxectivo da actuación é dotar de peches laterais, porche, aseos e vestiarios á pista cuberta existente neste centro educativo, que ten unhas dimensións de 41,40 x 18,30 metros. Para iso, manterase a estrutura actual, formada por 8 pórticos metálicos biartellados en cimentación, a dúas augas. O peche realizarase con paneis prefabricados de formigón visto colocados sobre muro de formigón armado de 45 centímetros de altura rematado con perfil metálico ata a altura de 4 metros e panel superior de placas de policarbonato alveolar de con protección UV. As carpinterías exteriores realizaranse en aluminio lacado con rotura de ponte térmica e dobre acristalamento laminar. A actuación contempla, así mesmo, a substitución da cuberta actual da pista deportiva por panel de chapa metálica tipo sándwich, con illamento interior”, segundo a información da Consellería de Educación.
A nova estrutura do porche realizarase “mediante pórticos metálicos a un auga, formados por pilares, vigas e correas metálicas, con cuberta similar á prevista para o resto da edificación. Ademais deseñarase un novo núcleo de aseos e servizos na parte oeste da planta baixa da pista, cunha superficie de arredor de 150 m², mediante muros de bloque de formigón, que contará cunha planta alta destinada a almacéns de material deportivo e outros servizos”, citando á Consellería de Educación.
No referido ao chan, na pista colocarase pavimento vinílico deportivo, mentres que no aseos se empregará pavimento vinílico antideslizante.