ConcellosO BoloÚltima hora

Adxudícanse por 80.000 euros obras de restauración do Santuario das Ermitas (O Bolo)

A actuación, cun prazo de execución de 2 meses, permitirá resolver e reparar as patoloxías observadas nos distintos elementos construtivos do soportal-lonxa

Santuario das Ermitas (O Bolo), tamén dentro da Diócese de Astorga./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Por preto de 80.000 euros veñen de adxudicarse os traballos de reparación do cabido no acceso ao Santuario da Nosa Señora das Ermitas, no concello do Bolo. O templo está declarado Ben de Interese Cultural (BIC) e é un dos santuarios máis representativos de Galicia.

A actuación que terá un prazo de execución de dous meses, permitirá resolver e reparar as patoloxías observadas nos distintos elementos construtivos do soportal-lonxa. “Deste xeito, solucionaranse os problemas de estanquidade existentes na cuberta de lousa, resolveranse os problemas de funcionalidade que se presentan na estrutura de madeira da cuberta, melloraranse as condicións de estabilidade das columnas de granito e eliminaranse os elementos construtivos existentes nos ocos do cabido para recuperar a súa funcionalidade e imaxe. Así mesmo, reorganizaranse e renovaranse as instalacións de iluminación existentes e acondicionaranse os paramentos interiores do cabido”, informa a Consellería de Cultura.

Estes aspectos resolveranse a través das actuacións recollidas no proxecto técnico que inclúe a substitución das vigas principais, secundarias e ripas de madeira de carballo existentes na cuberta por outras de maior sección e incorporar no deseño estrutural un tirante metálico; incrementar o solapamento de lousas de cuberta e incorporar unha lámina impermeable na cuberta para reforzar a súa estanquidade; eliminar o cerramento de cantería existente nos ocos do cabido e incorporar unha carpintería de aceiro inoxidable.

A dotación dun sistema de iluminación LED para o cabido e traballos de limpeza, entre outros, completan as actuacións que se levarán a cabo.

Artigos relacionados

Back to top button