EconomíaEconomíaEn portadaÚltima hora

AEVA aposta por “buscar oportunidades” nesta crise na súa primeira asemblea virtual

O encontro era clausurado polo produtor petinés Alfonso Blanco, director xeral de Portocabo

A presidenta de AEVA, durante a asamblea./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

“Somos conscientes de que é moi difícil transmitir serenidade, porque esta crise está afectando a todos os ámbitos da sociedade, pero confío en que se seguimos traballando unidos, superaremos con éxito as dificultades”. Era a mensaxe de ánimo que transmitía a presidenta da Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA), Araceli Fernández del Palacio, na asemblea ordinaria que esta entidade celebraba, por primeira vez de forma virtual en 30 anos de historia, na tarde do 23 de outubro. “Non se trata só de sobrevivir á crise, haberá que buscar a oportunidade, agarrarse como un cravo ardendo aos aspectos positivos e centrarse en que isto é unha crise temporal”.

Na súa intervención a presidenta facía balance das xestións da asociación  durante o ano 2019, “no que lamentablemente, e como vén sucedendo anos atrás, a inestabilidade política e institucional é unha importante molestia para avanzar nos proxectos dos que a nosa organización veu facendo bandeira”. Incidía especialmente no cabalo de batalla histórico das infraestruturas tanto viarias como ferroviarias.

“Seguimos reivindicando unhas condicións de seguridade minimamente dignas na estrada nacional 120, solicitamos a aprobación de mocións nos concellos, atendendo á proposta que expuxestes na última asemblea, mantivemos entrevistas co subdelegado do Goberno, pero todo foi en balde”, comentaba Fernández del Palacio. Tamén se refería á falta de avances no proxecto da A-76 e no desenvolvemento do Corredor Atlántico de mercadorías na área do noroeste da península, sen pasar por alto a perda de servizos ferroviarios na comarca.

“Segue producíndose unha clara discriminación do mundo rural respecto ao urbano, tanto a nivel sanitario como de servizos, sobre todo en materia de infraestruturas. Cada día estamos a asistir a grandes diferenzas territoriais, a pesar de que a crise sanitaria e económica actual está a mostrar a necesidade de que os gobernos empecen a traballar nun plan que consiga reverter estas desigualdades cada vez máis manifestas, co obxectivo de garantir unha calidade de vida digna e igualitaria a todos os cidadáns. Se non existe desenvolvemento económico non haberá poboación, e non poderá haber desenvolvemento económico sen servizos nin infraestruturas”, asegura a presidenta de AEVA.

 

 

Por outra banda, a presidenta de AEVA resaltaba o inicio das obras da chamaba circunvalación do Barco (conexión entre as estradas N-120 e N-536). “Por fin, e despois de máis de dez anos de trámites, podemos dicir que a administración saldou unha débeda histórica coa comarca, ao tratarse dun dos maiores investimentos en obra pública que se ten feito en Galicia nos últmios anos” e, sen dúbida, “un revulsivo para a economía comarcal”.

E mencionaba o “importante labor” da asociación “para manternos permanentemente informados, pese á maraña normativa coa que diariamente nos atosigaban as administracións e, o mesmo que ocorre ao sector empresarial ao que representa, tivo que suplir os escasos recursos económicos con traballo e esforzo. Divulgáronse puntualmente todas as axudas que se habitilaron durante o estado de alarma para apoiar ás actividades declaradas non esenciais, e recolléronse e xestionáronse as propostas que nos fixeron os distintos sectores”. E, agradecía á xunta directiva e a todos os integrantes da asociación as súas aportacións.

O encontro, no que se aprobaban as contas do exercio ademais doutros puntos como unha subida dun 14% das cotas aos asociados finalizaba cunha referencia ás empresas asociadas que cumpren 20 anos. “Dende o 2010 vimos celebrando este recoñecemento, desta volta non vai poder ser, pero farémolo na próxima asemblea”, dicía Araceli Fernández antes de nomear ás empresas: Pazo do Castro, Anfel, Electrodíaz, Garoba e Can-Can.

 

O produtor petinés Alfonso Blanco, na clausura da asemblea virtual de AEVA.

 

O produtor Alfonso Blanco clausuraba a asemblea

Deseguido, dábase paso á clausura da asemblea para a que se contaba co produtor Alfonso Blanco “Fosco”, natural de Freixido de Abaixo (Petín), director xeral de Portocabo, quen compartía cos empresarios a súa experiencia empresarial. Comeza explicando que se formou en Empresariais e que, coa axuda doutro valdeorrés, o rues Manolo Gónzález, formouse como produtor na Escola de Imaxe e Son.

Ademais explicaba que é un produtor de contido audiovisual. “Ocúpase de facer a xestión diaria dende o punto de vista empresarial e creativo dese produto. Eu son un produtor moi de contidos, que analiza o produto”, dicía. A partir de aí contaba como comezou a súa profesión nos anos 90, “un momento no que había moitísimo talento creativo pero pouquísimos produtores”, coa serie “Mareas vivas”.

A partir de aí virían outras series, traballando para Voz Audiovisual, ata que no 2010 decidía abrir horizontes e ir máis alá de Galicia e entón creaba Portocabo, apotando polo modelo de coprodución en televisión, algo totalmente novidoso en España daquela, e que agora lle está dando grandes éxitos como “Hierro” ou “Augaseca”. Ademais Fosco anunciaba que os seus próximos proxectos van ser en Galicia.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button