En portadaÚltima hora

AEVA e O Barco CCA trasladan á Xunta as súas demandas ante a crise do Covid-19

Os representantes destas entidades empresariais mantiñan esta mañá unha videoconferencia co conselleiro de Economía e coa directora xeral de Comercio

O conselleiro de Economía na videoconferencia con AEVA e co Barco CCA.

 

A última hora desta mañá de 28 de abril os representantes da Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA) e do Barco Centro Comercial Aberto trasladábanlle por videoconferencia ao conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, as súas preocupacións e principais demandas antes a situación de crise xerada pola pandemia do coronavirus.

Neste encontro virtual participaban as presidentas de AEVA e do Barco CCA, Araceli Fernández e Sandra Moldes, así como a xerente de AEVA, Luisa López, e o seu vicepresidente Santiago Melo; ademais da directora xeral de Comercio, Sol Vázquez; o responsable do Igape, Curro López; e a delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz.

En concreto facíase fincapé na insólita e complicada situación na que se atopan estas dúas entidade empresariais, así como as das dificultades que están a pasar os autónomos e as empresas asociadas a estas dúas asociacións, entre eles os dos sector comercio. Unha das preocupacións que plantexaban era a das medidas de seguridade tanto para comerciantes e clientes unha vez que o conxunto dos negocios poidan abrir novamente as súas portas, así como a importancia de incentivar o comercio local.

O conselleiro de Economía indicaba que estase a traballar para poñer en marcha un plan de reactivación económica no ámbito do comercio, co “obxectivo primordial de incentivar que o consumidor acuda ao comercio de proximidade, con medidas que infundan confianza e impulsen de novo a demanda”.

Ao mesmo tempo búscase que “o sector intensifique a súa transformación dixital para, entre outros aspectos, que os negocios teñan a opción de ofrecer os seus servizos e produtos a través de internet e dispoñan de novas canles de venda. Ademais, no marco do novo plan, tamén se traballará en medidas de prevención de cara á reapertura, para garantir ao consumidor e aos traballadores do comercio unhas condicións de seguridade sanitaria”, segundo o conselleiro.

 

 

Conde lembrou no encontro que Galicia solicita protocolos claros de actuación a nivel estatal, e defende un modelo de reactivación baseado no mando único e cunha aplicación de acordo ás especificidades dos distintos territorios. Así, desde a Xunta proponse un modelo de apertura flexible e dinámico, baseándose en tres eixes: xeográfico, demográfico e de sectores económicos.

Entre as propostas trasladadas polo Goberno autonómico no ámbito comercial tamén se encontran a apertura paulatina doutros establecementos comerciais, coas limitacións de aforo ou de cita previa, entre outras cuestións.

A Administración autonómica xa activou medidas das que se está a beneficiar o comercio de proximidade, como a liña de financiamento de 250 millóns de euros para achegar liquidez a Pemes e autónomos, con préstamos de ata 200.000 euros que lles permitan facer fronte aos seus gastos e ás súas obrigas fiscais, e facéndose a Administración autonómica cargo dos xuros. Estes préstamos concédense a través de Abanca e están avalados por Sogarpo no caso da provincia de Ourense.

Artigos relacionados

Back to top button