En portadaÚltima hora

AEVA insiste na súa demanda dun posto principal da Garda Civil para O Barco

Esta reivindicación data do ano 2010 e será de novo plantexada polos empresarios valdeorreses na xuntanza que manterán en maio co subdelegado do Goberno en Ourense

 

Imaxe dunha das rúas do centro do Barco./ Foto: A.R.

Era un dos acordos tomados polos empresarios, sindicatos e representantes políticos da comarca no ano 2010 durante a celebración do Foro Valdeorras século XXI. Sete anos despois aínda non se lle deu resposta na práctica a esa petición, que segue reivindicando a Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA).

Ademais, AEVA asegura que ante as noticias publicadas nos medios de que “a deputada do PP Ana Vázquez pedirá ao goberno, a proposta da Asociación Unificada de Gardas Civís, a creación en Xinzo dun Posto Principal”, vén de solicitar unha entrevista co subdelegado do Goberno en Ourense.

“Trátase”, din os empresarios, de “reiterar a prioridade do Posto Principal do Barco, unha reivindicación histórica dos axentes sociais e políticos con representación na comarca, unha demanda da sociedade valdeorresa no seu conxunto, e unha garantía para mellorar as tarefas de seguridade”.

Dende AEVA tamén se destaca a rápida resposta do subdelegado do Goberno á solicitude de entrevista, o cal “fai posible confirmar a súa celebración o vindeiro 3 de maio”. A categoría de Posto Principal  “implica unha estrutura de diversas áreas especializadas (seguridade cidadá, atención ao público, e investigación), un incremento da plantilla e servizos de vixilancia especializados”, lembran dende AEVA.

Artigos relacionados

Back to top button