ConcellosO BarcoÚltima hora

AEVA presenta alegacións á consulta do Concello do Barco sobre a modificación da ordenanza do IBI

Exterior da oficina de AEVA no Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA) vén de presentar un escrito de alegacións na
consulta pública convocada polo Concello do Barco, previa á elaboración do proxecto de “Ordenanza municipal reguladora do Imposto de Bens Inmobles” (IBI).

“En calidade de organización representativa de empresas que potencialmente poden verse
afectadas polo incremento deste imposto, tanto desde o punto de vista dos negocios con sede no municipio, como en calidade de titulares de inmobles privados, AEVA considerou oportuno presentar alegacións”, explica esta asociación. En concreto, centra as súas alegacións nos seguintes aspectos, “tratando de responder os argumentos propostos polo Concello”:

– Respecto á xustificación de recuperar coa recadación do IBI os ingresos deixados de percibir co imposto de plusvalías, AEVA alega que “este último imposto está practicamente derrogado e que ten escasa repercusión no orzamento municipal, porque xa no exercicio 2022 só representaba un 0,77% dos ingresos correntes. Por iso, entendemos que a non aplicación deste gravame nin o seu reducido nivel de recadación non sería motivo suficiente para xustificar a modificación do IBI”.

Esta organización empresarial di tamén que “o Concello argumenta, en defensa do proposto incremento do tipo de gravame do IBI, as subidas xeneralizadas na maioría dos servizos e
produtos e a necesidade de compensar a minoración de ingresos debido ao encarecemento dos prezos. Neste punto, AEVA ha replicado que os efectos da inflación afectan a todos os ámbitos e especialmente aos cidadáns e que a recadación municipal debe axustarse ao nivel de renda dispoñible e aos beneficios empresariais”.

No escrito de alegacións AEVA fixo constar así mesmo que “ata a crise do 2008 os inmobles en zonas urbanisticamente activas, como foi o caso do Barco, sufriron un notable incremento de prezos que, posteriormente, viñeron sufrindo unha minoración substancial do seu valor de mercado; e que esta depreciación non se reflectiu nos valores catastrais. Estimamos por tanto que
estas valoracións obsoletas, que non responden á realidade do mercado inmobiliario, nin ás novas condicións urbanísticas, nin á evolución do municipio, precisarían dunha previa revisión das bases impoñibles do IBI antes de expor unha subida dos tipos impositivos do imposto”.

Finalmente, AEVA apunta que tamén realizou “unha análise comparativa con outros municipios de tamaño similar ao do Barco e comprobado que os tipos aplicados son, na maioría dos casos, superiores á media, motivo polo que entendemos que o incremento pretendido debería estar moi xustificado, para non restar competitividade nin renda aos administrados”.

Artigos relacionados

Back to top button