EconomíaEconomíaÚltima hora

Aever-CCU Verín entrega o premio de 1.000 euros da campaña de Nadal

Esta entrega tiña lugar durante a gala familiar que se celebraba na tarde do 3 de xaneiro no pavillón de deportes de Verín

O pavillón municipal de Verín acollía na tarde de onte a gala familiar de Aever “Estrelas Máxicas. Nela o presidente da Asociación de Comerciantes de Verín (Aever), Santos Álvarez e o xerente do colectivo, José Ángel Rodicio; acompañados da concelleira de Turismo, Comercio, Balnearios e Transportes, Purificación Caldelas, facían entrega do premio de 1.000 euros correspondente á promoción “Este Nadal fai as túas compras en Verín”.

Neste evento tamén se entregaban os correspondentes cheques regalo aos gañadores do Concurso de Escaparates de Nadal 2018. O premio da promoción “Este Nadal fai as túas compras en Verín” entregouse mediante un sorteo presencial no Pavillón Municipal. No sorteo participaron todas aquelas persoas que compraron ou consumiron nos establecementos asociados a Aever, do 4 de decembro ao 3 de xaneiro, por un importe superior a 10 euros.

O gañador, Basilio Guerra, poderá gozar do seu premio, a partir de hoxe, 4 de xaneiro, realizando compras por un importe de 1000€ en, polo menos, cinco establecementos de asociados a Aever, non podendo gastar máis de 200 euros en cada un deles.

Na Gala de Nadal -organizada por Aever, coa colaboración do Concello de Verín- participaron centos de nenos e nenas que, acompañados dos seus proxenitores, gozaron dunha divertida xornada de actuacións musicais, agasallos e divertidos concursos da man da compañía Estrelas Máxicas co seu espectáculo familiar infantil “Menudo Circo”.

 

Entrega dos Cheques regalo do Concurso de Escaparates de Verín 2018

Por outra parte, ao finalizar a gala tamén se fixo entrega -por parte de Purificación Caldelas- dos correspondentes cheques regalo aos gañadores do concurso de escaparates de Verín 2018 . Outorgáronse tres premios de 150, 100 e 50 euros aos seguintes establecementos:

• Primeiro posto Noisiness (premio con 150 €)
• Segundo posto: Aquaerea (premio con 100 €)
• Terceiro posto: Chiqui moda infantil (premio con 50 €)

No concurso participaron 16 establecementos comerciais que o solicitaron e están localizados no concello de Verín, previa inscrición. O tema a desenvolver foi o Nadal, deixando total liberdade no tocante a técnica e estilo, valorando estes tres criterios: creatividade e orixinalidade; combinación de elementos e cores; iluminación e composición.

Artigos relacionados

Back to top button