ConcellosEn portadaGalerías de fotosO BarcoÚltima horaVídeos

AFEM Morea recibe o premio “Barquense do Ano 2022” nunha cea no Casino do Barco

O CD Barco recibía un diploma pola súa traxectoria dende hai 50 anos

 

O pasado 11 de xaneiro a directiva da Asociación Casino do Barco decidía conceder o premio “Barquense do Ano 2022” á AFEM Morea “non só polo labor que fan cos usuarios con enfermidades mentais, senón pola axuda que supón para as familias”, quedando en segundo lugar o CD Barco.

 

 

Case dous meses despois, na noite deste sábado 1 de abril, ámbolos dous colectivos recollían os seus respectivos galardóns no marco dunha cea celebrada no segundo andar do Casino á que asistían unhas 70 persoas. Entre elas moitos dos usuarios de Morea, familiares e tamen representantes da Adega Cooperativa Jesús Nazareno, do Concello do Barco, do IEV e mesmo do delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén ou do deputado socialista no Parlamento galego, Eduardo Ojea.

 

 

Era o propio propio presidente do Casino, Pablo Dobao, quen facía de mestre de cerimonias dando a benvida aos asistentes e presentando á xente que interviña. A primeira era Marta Vidal, membro da directiva do Casino e encargada de destacar a traxectoria do CD Barco que neste 2023 cumpre 50 anos. O encargado de recoller o diploma como subcampión do “Barquense do Ano 2022” era José Castro que asistía en nome do presidente do club, Nilo Ramos, asegurando que este rescoñecemento “é para toda a xente que pasou polo club neste tempo facendo posible que chegaramos ata aquí. Vai por eles”, dixo.

 

 

A seguinte en intervir era outra compañeira da directiva do Casino, María José Fidalgo, quen fixo un completo percorrido pola situación da enfermidade mental así como o importantísmo labor que levan a cabo dende AFEM Morea, asociación que nacía en 1994. “Non temos suficientes palabras para darvos as grazas por todo o que facedes”, dixo, antes de facer entrega do premio (unha escultura da ninfa que representa ao Casino), que recollían a nai dun usuario de Morea O Barco e o xerente de Morea, Alfonso Díaz.

 

 

Díaz explicou que a asociación abría a delegación no Barco o 6 de novembro de 2003, dous anos despois de darse a coñecer na vila, e dende entón foron atendidas máis de 300 persoas “algunhas das cales están hoxe aquí”, dixo, destacando que o seu labor é que as persoas “doentes” mentais, se integren e reincorporen como membros activos da sociedade e recoñecendo que “no Barco é onde mellor acollidos nos sentimos sempre e onde máis integración hai”.

 

 

Antes de comezar a cea, tamén falaba o delegado da Xunta, en representación do presidente, felicitando ao Casino “pola recuperación deste galardón que recoñece ás persoas e entidades que fan mellor ao territorio no que vivimos”; e o tenente de alcalde do Barco, Aurentino Alonso, que pechaba o acto recoñecendo o “acerto na elección do galardoado nesta edición, unha asociación que traballa na rehabilitación e integración dos usuarios, con todo tipo de actividades para que se sintan útiles e recuperen a autoestima”.

A cea, servida por Mantesil, estivo amenizada polo músico valdeorrés Sito.

 

 

Fotos: Carlos G. Hervella.
Vídeos: Mónica G. Bellver.

 

Artigos relacionados

Back to top button