ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Afondando nos coidados culturais do castiñeiro de froito en Vilariño de Conso

A IXP Castaña de Galicia impartía unha charla técnica, promovida polo Concello

Un factor determinante á hora de facer unha nova plantación de castiñeiros “é unha planta de calidade. Se a planta é de calidade ese proxecto vai ir arriba”. Era unha das recomendacións que daba o técnico da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia, Manuel López Vilariño, no decurso da xornada técnica “O castiñeiro de froito: coidados culturais”, que impartía na tarde do 18 de marzo en Vilariño de Conso ante numerosos produtores da zona.

Ao longo da súa intervención, que se acompañaba de diversas imaxes e exemplos prácticos, tocaba cuestións como as principais pragas que afectan tanto a esta árbore como ao seu froito e explicaba como se poden controlar. Entre elas facía especial fincapé na da avespiña do castiñeiro (Dryocosmus kuriphilus), xa presente en Galicia, e que está considerada como ameaza máis grave para o castiñeiro. Localizábase por vez primeira vez en Europa nos soutos italianos no 2002. A forma máis efectiva de facerlle fronte é a través da loita biolóxica con outro insecto: o Torymus sinensis.

López Vilariño tamén explicaba o ciclo biolóxico da avespiña do castiñeiro, resaltando que cada femia pode pór de 100 a 150 ovoso, “co cal a progresión da praga é moi importante”. Amósaba cales son os síntomas que presenta a árbore, en concreto as chamadas “galadas parasitadas”, e o xeito no que se debe actuar no caso de que se detecte a presenza deste insecto.

Ademais expoñía as principais enfermidades do castiñeiro: a podredume do froito, a tinta, a armilliaria mellea ou o cancro, entre outras. Esta última está considerada a “máis grave e penetra unicamente a través de feridas no castiñeiro”, aseguraba López Vilariño, e “propágase con gran intensidade a través do vento”. De seguido comentaba o progama de control de loita biolóxica contra o chancro existente en Galicia.

Na parte final da súa conferencia centrábase no valor que supón contar cun marchamo de garantía de orixe e calidade como é a IXP Castaña de Galicia, recoñecida a nivel europeo dende abril de 2010. Detallaba as zonas de Galicia amparadas por este organismo e as funcións que desenvolve en áreas como a investigación ou a promoción.

Esta charla foi promovida polo Concello de Vilariño de Conso en colaboración coa IXP Castaña de Galicia e desenvolvíase no salón de plenos da Casa Consistorial. Ao final do acto, a concelleira Melisa Macía, agradecía a presenza dos representantes da IXP, a “gran afluencia” de produtores e a asistencia do Periódico O Sil.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button