ConcellosEn portadaGalerías de fotosÚltima hora

Agustín González, pregoeiro do Cristo 2019 no Barco: “Que empece a festa!”

Este profesor e adestrador de atletismo valdeorrés abría na noite do 13 de setembro o programa de actos festivos

 

“Barquenses, visitantes, estas son as vosas festas. Que empece a festa! Viva a Festa do Cristo!”. Con esta chamada á celebración finalizaba na noite deste 13 de setembro na praza Maior do Barco o pregón do mestre e presidente do Club Adas, Agustín González “Tinín”. Era un acto sementado de lembranzas, de emocións e de multitude de anécdotas e no que un dos protagonistas era o deporte valdeorrés.

Este pregón comezaba co son da música tradicional arredor das nove da noite. Despois facíase un percorrido en imaxes pola traxectoria deportiva de Tinín, como limiar dunha agarimosa semblanza que da súa figura facía o concelleiro de Deportes do Barco, Aurentino Alonso, tamén profesor e compañeiro do pregoeiro no IES Lauro Olmo desta vila. Na súa intervención destacaba os seus “39 anos dedicados ao ensino, nos que deu clases a máis de 3.000 alumnos” e tamén a “súa paixón e entrega polo deporte”, xunto coa súa participación na posta en marcha en 1982 do Club Adas, á fronte do cal leva case catro décadas como presidente. Un club que ten levado o nome do Barco por toda España e do que teñen saído figuras relevantes.

 

Agustín González, durante o pregón.

 

A continuación Agustín Rodríguez, nacido da Rúa e veciño do Barco, subíase ao escenario para dar paso a un coidado e divertido pregón nunha praza Maior ateitagada de público, boa parte del vencellado co mundo do deporte e, especialmente co atletismo, e no que non faltaba a súa familia. Comezaba amosando o seu agradecemento ao Concello por ter sido elixido como pregoeiro e recodou a súa chegada ao Barco da man da súa nai hai 50 anos e a cordialidade coa que foron acollidos.

Compartiu as primeiras imaxes que garda da vila, como a súa entrada, cunha enorme avenida de árbores, e despois a súa relación co deporte, que xurdía no instituto da man do baloncesto, pero que logo se foi ampliando a outras modalidades, entre elas o atletismo, no que leva volcado case 40 anos. E defendeu os valores do deporte, que para el xa máis que unha afección é unha filosofía de vida.

Tamén resaltaba as “tres medallas de ouro moi especiais” que ten logrado na súa vida: a súa muller Yolanda, “que é unha santa”, e os seus fillos María e Guti, “que son un pouco os damnificados desta adicadión día tras día ao deporte”. Tamén falaba das festas, da relevancia do río Sil como nexo de unión da comarca e, por suposto, dun evento que o leva unindo ao Cristo dende hai xa 33 anos: a Milla Urbana do Barco.

 

 

Entre a multitude de anécdotas que contaba había unha sobre esta carreira. Nunha das súas edicións, os trofeos dos primeiros atletas absolutos, que eran doados, rompíanse nun pequeno accidente doméstico dous días antes da proba e entón recurría ao artista local Xelo de Tremiñá (pregoeiro do Cristo 2018), quen “nolos doou amablemente, o da ganadora era unha fermosa terracota dunha maternidade”, comentaba.

O acto pechábase coa entrega dun ramo de flores ao pregoeiro por parte do alcalde do Barco, Alfredo García, e da concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta. Despois Tinín procedía ao chupinazo que marcaba o inicio da festa. Seguidamente multitude de persoas se achegaban a felicitalo e saudalo, entre elas estaban os concelleiros da Rúa José Vicente Solarat e Luis Fernández, que en nome da súa Corporación, lle entregaban a Tinín unha placa (consistente nunha réplica da lápida romana de Pompeio Reburro Fabro) como rues e en recoñecemento do seu labor deportivo.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button