BoxeoDeportesÚltima horaVídeos

Agustín González, presidente do Adas, recolle a Barca de Ouro 2023 do ‘MFC Showdown 030’

 

Coa entrega da Barca de Ouro do 2023 poñíase en marcha esta tarde o “MFC Showdown 030 Concello do Barco”, un galardón creado pola organización da velada de boxeo para “distinguir a deportistas e adestradores barquenses pola súa traxectoria”. Nesta ocasión a persoa homenaxeada era o fundador e presidente do Club Adas Cupa do Barco, Agustín González “Tinín”, polo seu gran labor como dinamizador do deporte valdeorrés.

Tinín González subía a recoller este singular recoñecemento, unha barca feita a man, entre os aplausos e a ovación dos participantes (presentados un a un xusto antes da homenaxe) e do público que ocupaba o pavillón vello do Barco. Antes, proxectábanse unha serie de fotografías e facíase un repaso pola súa longa traxectoria de 40 anos no deporte valdeorrés, en diferentes disciplinas entre as que sobresae o atletismo. Non en van do Adas teñen saído destacados atletas a nivel nacional e internacional ao longo destas décadas. Ademais destacábase que el é a cabeza visible dun intenso traballo en equipo no que, ademais de adestradores e atletas está tamén o labor de pais e nais.

 

 

O homenaxeado agradecía o galardón e comentaba que “é raro que haxa algunha persoa en Valdeorras que non teña pasado polo Adas nalgunha das súas disciplinas”, tamén expresaba o desexo de que “a xente moza, sobre todo os pequenos e as pequenas, que seguiran practicando deporte e que os pais e nais sigan levando aos seus fillos a facer actividade deportiva, porque é importante, tamén polos valores que se adquiren con el”.

 

 

Tamén interviñan neste acto o alcalde do Barco, Alfredo García, e o concelleiro de Deportes, Aurentino Alonso. O rexedor resaltaba o labor que desenvolve Agustín González, resaltando que, se ben é certo que se trata dun traballo colectivo, “sen el non sería posible”.

Deseguido poñíase en marcha a velada, centrada nesta ocasión no boxeo, con combates amateur, neoprofesional e profesional. Este evento promovido polo Mamba Figth Club, dirixido por Diego Vázquez, e polo Club Kickboxing Valdeorras con Juan J. Pardo Bravo.

Artigos relacionados

Back to top button