ConcellosÚltima hora

A Alameda de Ribadavia acollerá a 54ª Feira do Viño do Ribeiro do 29 de abril ao 1 de maio

Esta será a edición con maior número de participantes xa que no recinto poderán catarse os viños de 42 adegas e colleiteiros

 

Participantes no acto de presentación da 54ª Feira do Viño do Ribeiro.

 

Unha das novidades máis destacadas da 54ª Feira do Viño do Ribeiro, que se celebrará do 29 de abril ao 1 de maio na Alameda de Ribadavia, será a súa elevada participación con ata 42 stands de adegas e colleiteiros. “É a maior rexistrada nos 54 anos de existencia do evento”, tal e como se destacaba no acto de presentación desta mostra, na mañá do 18 de abril na Coruña.

No decurso deste acto tamén se daban a coñecer as actividades enogastronómicas incluídas no programa, así como as catas e showcookings, a cargo de cociñeiros e sumilleres de recoñecido prestixio, ou a cata popular (onde se poderán catar a cegas todos os viños presentes na feira). Tamén haberá no recinto feiral unha zona de gastronomía con varias Food Trucks e unha pulpeira, acompañadas polas actuacións musicais.

Outros focos de atracción serán a actividade “Ribeirolandia”, que funcionou con éxito na edición anterior e que deixou moi satisfeitos aos máis pequenos; as actividades de maxia, ou a oferta de traslado en autobús dende Ourense, Vigo e Santiago de Compostela.

Na presentación da feira interviñan Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña; José Ignacio Gómez Pérez, alcalde de Ribadavia; Cristina Alcalá, xerente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro; María López Touza, concelleira de Cultura e Turismo de Ribadavia; e Daniel López, cociñeiro do Restaurante O Camiño do Inglés (Ferrol), participante nas actividades enogastronómicas da 54ª FVR.

O programa da feira pode consultarse en www.feiravinoribeiro.com

O alcalde de Ribadavia, intervindo durante a presentación da Feira do Viño do Ribeiro.

Artigos relacionados

Back to top button