OurenseÚltima hora

Alerta amarela para mañá por altas temperaturas en Valdeorras

Na zona do Miño de Ourense vén de activarse a alerta laranxa por temperaturas de ata 40 graos

Termómetro marcando 37º no centro do Barco.

 

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira da Xunta e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes vén de activar para mañá a alerta laranxa por altas temperaturas na zona do Miño de Ourense. Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), trátase dun fenómeno meteorolóxico que se espera que comece arredor do mediodía con temperaturas máximas de ata 40 graos.

Na xornada de hoxe xa está activa a alerta amarela por máximas de 36 graos nesta zona da provincia ourensá e mañá pasará a laranxa. Tamén hoxe o aviso é de nivel amarelo no sur da provincia ourensá.

Mañá, ademais da alerta laranxa na zona do Miño en Ourense, o nivel amarelo estará activo por máximas de 36 graos no noroeste, no sur e na zona de Valdeorras da provincia ourensá, así como no sur de Lugo. Tamén se agardan máximas de 34 grados no litoral galego, polo que o aviso será tamén amarelo no suroeste e no interior da provincia da Coruña e nas Rías Baixas e no interior e na zona do Miño na provincia de Pontevedra.

 

Mapa de alertas activadas para o martes 22 de agosto./ Fonte: AEMET.

 

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións; servizos provinciais; e agrupacións de voluntarios de Protección Civil, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.

Ante este episodio de altas temperaturas, recoméndase extremar as precaucións, especialmente entre os colectivos máis vulnerables como persoas maiores, nenos, persoas con enfermidades crónicas e tamén no caso de persoas que realizan traballos físicos intensos ou deporte ao aire libre.

Recoméndase limitar a exposición o sol, manter unha boa ventilación e ter en conta os cambios de temperatura. É tamén aconsellable manter unha hidratación adecuada, tomar comidas lixeiras, cubrir a cabeza e evitar exercicios físicos prolongados ao sol.

Artigos relacionados

Back to top button