EntrevistasÚltima hora

Alfredo García: “Esta lexislatura será potente en investimentos”

O alcalde do Barco valora nesta entrevista os dous primeiros anos do seu sexto mandato

Alfredo García, alcalde do Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Con diversos proxectos en marcha e sobre a mesa afronta Alfredo García Rodríguez o ecuador do seu sexto mandato á fronte da alcaldía do Barco. “A nivel de investimentos creo que esta vai ser unha lexislatura moi potente”, destaca. E, como mostra, cita a estrada de circunvalación, a ampliación do polígono da Raña, a segunda fase da rehabilitación da fortaleza do Castro, a reforma da avenida do Bierzo, unha nova senda peonil que unirá Viloira co Salgueiral… Pero non todo son obras. “Afortunadamente hai outros temas tamén relevantes como lograr as Letras Galegas do 2022 para Florencio Delgado Gurriarán grazas ao esforzo feito durante estes tres últimos anos. Penso que é todo un logro”, engade o rexedor.

¿Como valora os dous primeiros anos desta lexislatura, condicionados polo Covid?

Foron complicados e dedicámonos, fundamentalmente a resolver os problemas xerados pola pandemia e a seguir prestando os servizos que se podían manter, outros tivemos que suspendelos. Pero, ao mesmo tempo, non paramos de facer outras cousas e os grandes obxectivos desta lexislatura están aí, practicamente encamiñados, como a circunvalación, que é certo que nestes momentos está parada por discrepancias entre empresa e administración, que se resolverán e a obra continuará o seu curso.

Paralelamente a isto está a reforma da avenida do Bierzo, que xa se está executando; tamén, un estudo pormenorizado de todas as redes de saneamento do Barco que sacou a concurso a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), cun importe duns 100.000 euros, que asume integramente este organismo. Este traballo vainos dicir cal será a solución definitiva para que depuremos o 100% das augas limpas que entran continuamente á EDAR. Trátase dunha actuación importante coa que imos resolver tamén unha vertedura que hai na Proba. Ademais asinaremos cun convenio con confederación por importe de 550.000 euros (o 80% aportado pola CHMS e o 20% polo Concello) para crear unha senda entre o Campiño de Viloira e O Salgueiral, que porá en valor este espazo. A intención é levalo ao pleno de setembro. Temos máis iniciativas en marcha e outras pendentes ás que por agora non vou referirme porque aínda faltan 2 anos de lexislatura.

¿Hai algunha novidade no referente ao proxecto da A-76?

Temos unha nova ministra e unha nova secretaria xeral e xa iniciei os contactos para falar deste tema e buscar solucións para establecer un calendario do que se pode facer, tanto dende O Barco cara Toral, con 4 proxectos que están en marcha, como no resto da N-120 que require un empuxe porque cada vez se tarda máis en chegar á capital da provincia, especialmente no tramo Guítara-Ourense. Creo que se podería facer un plan que, cando chegue o caso, todo se transforme nunha autovía, pero mentres tanto pódense ir dando pasos para mellorar a situación.

¿Saíron os pregos para sacar a concurso o servizo de recollida de lixo?

Non, a verdade é que non me atrevo a poñer datas porque nos está resultando moi complexo xa que non contamos con expertos neste tema. Estivemos traballando cun profesor da Universidade de Vigo e mantivemos contacto con técnicos da Deputación de Ourense. Quedamos en facer unha reunión nos primeiros días de setembro e, a partir de aí, convocaremos unha comisión. Imos introducir melloras tanto na limpeza como na recollida de lixo e será en comisión onde se debatirán esas melloras, tendo en conta que isto tamén vai supor que imos pagar máis. Todos queremos que o servizo mellore e non hai problema niso, pero debemos ser conscientes de que as melloras custan diñeiro e de que isto afecta á taxa que se paga.

Hai veciños preocupados pola velocidade á que pasan os coches en rúas como Juan Giral ou no casco vello, ¿vanse aplicar medidas para evitalo?

No outono queremos poñer máis pasos elevados, cumprindo estritamente o regulamento, e un dos lugares nos que se van instalar é na baixada do cemiterio porque é certo que a xente vai máis rápido. O plan de mobilidade do Barco ten sido ratificado plenamente pola nova Lei de Tráfico, tendo en conta que puxemos a velocidade a 30 km/h nas rúas, mentres que na estrada xeral e na avenida do Bierzo está a 40 km, polo tanto ímolo aplicar. E no casco vello, en canto estea preparado o novo aparcamento nun solar próximo á praza das Airas, empezaremos tamén a aplicar este plan e a circulación será só para residentes, carga e descarga. Polo tanto, aí xa quedaría resolta a cuestión do tráfico.

Ademais temos previsto poñer un paso elevado diante da estación, no cruce coa rúa Santa Rita, seguramente será no outono-inverno, e outro na avenida do Bierzo, fronte ao Colexio Divina Pastora. Dende logo un paso elevado funciona, fai que a velocidade se reduza, pero xera outros problemas, por exemplo no paso dunha ambulancia ou no caso dos camións. E se todo isto non funciona para reducir a velocidade, pois haberá que pasar a medidas máis disuasorias. Algunhas cidades xa están poñendo radares móbiles ou fixos en zonas moi complicadas.

Outra das apostas desta lexislatura está sendo a do turismo…

Penso que desta volta ímolo botar a andar. O turismo só pode funcionar en Valdeorras se se enfoca a nivel de comarca. Ata agora non fomos capaces de facer grupo e, de feito, o xeodestino non funcionou, pero a situación cambiou coa chegada da nova xerente do Inorde, que se está implicando moito, e máis nestes momentos nos que hai convocatorias de axudas para turismo sostible. Nós imos solicitalas este ano en clave de comarca e estamos preparando un proxecto potente de desenvolvemento turístico para Valdeorras.

Texto: A.R.

A entrevista íntegra ao alcalde do Barco pode lerse na edición en papel do Especial Cristo do Periódico O SIL.

Artigos relacionados

Back to top button