“Se dalgo pode presumir esta candidatura é de experiencia. Somos un valor seguro para os cidadáns do Barco”. Alfredo García presentaba deste xeito a lista que lidera polo PSdeG-PSOE no Barco de cara ás vindeiras eleccións municipais do 26 de maio. “Está formada por un grupo de concelleiros que leva catro anos traballando e para máis da metade foi a súa primeira lexislatura polo que non puideron finalizar os proxectos e van continuar nesa liña de traballo”, engadía.
A candidatura socialista responde, segundo o seu cabeza de lista, “a un perfil de persoas sobradamente preparadas, con algunhas novas incorporacións, e que representa para o municipio estabilidade”. Esta será xa a sexta ocasión na que García opte á alcaldía do Barco, pero preséntase, tal e como destacaba, “coa mesma ilusión do primeiro día”.
Avanzaba ademais algúns dos proxectos que pretenden impulsar de continuar no goberno municipal, poñendo o foco nas infraestruturas. “Os próximos catro anos van ser moi importante porque pretendemos conseguir a segunda transformación do Barco. Fixemos no seu momento a primeira, pero agora chegou o tempo de facer a segunda porque por fin imos ver a chegada da circunvalación da vila”. A liberación do Barco do tráfico de camións permitirá “planificar un Barco moito máis humano e poder transformar rúas emblemáticas como Manuel Quiroga ou a Avenida do Bierzo”.
Neste senso, unha das iniciativas que defenden os socialistas é a de promover “un plan de mobilidade coa participación dos cidadáns”, ademais de “seguir coidando o medio ambiente, convocando un concurso de ideas para buscar solucións para o Salgueiral, dun xeito compatible co plan hidrolóxico”, adiantaba Alfredo García. Tamen dicía que se “seguirá recuperando o patrimonio do concello coa rehibilitación da ponte da Proba e con novas accións no Castro”, entre outras iniciativas.
Fotos: Carlos G. Hervella, agás a última da galería que é cedida.