PolíticaÚltima hora

Alfredo García: “Realizamos un traballo extraordinario e podemos ganar”

O candidato á Secretaría Provincial do partido socialista en Ourense emitía este mediodía o seu voto no Barco

Publicidade

 

Na sede do partido socialista do Barco votaba este mediodía o candidato á Secretaría Provincial do PSdeG-PSOE na provincia e alcalde barquense, Alfredo García, quen se amosaba moi animado e esperanzado sobre a posiblidade de resultar elixido tras o proceso electoral da xornada deste 23 de xaneiro.

“O día das eleccións para min sempre é un día de tranquilidade, é certo que cando chega o último momento empezan un pouco os nervios a saír, pero en calquera caso eu penso que realizamos un traballo extraordinario. Mereceu a pena este esforzo que fixen como candidato a secretario xeral da provincia por todo o que me atopei, a xente, os compañeiros, os que estiveron traballando comigo arreo dunha forma tan sinceira… E, sobre todo, o cariño que atopei nas comarcas de militantes que moitos deles nin sequera os coñecía”, aseguraba Alfredo García.

 

 

Ademais o candidato resaltaba que esta campaña “ten sido unha experiencia impagable e só por iso mereceu a pena intentar chegar á secretaría do partido socialista na provincia de Ourense”. E sobre esta xornada electoral aseguraba que “hoxe a militancia vai decidir. Nós chegamos case no pistoletazo de saída e, polo tanto, tivemos moito menos tempo, e os que están ocupando o posto pois teñen máis recursos que os que vimos de fóra; pero se gañamos, e eu creo que podemos gañar, será un triunfo, a rebelión das bases fronte ao poder establecido”.

 

 

Finalmente, García indicaba que “para min esta campaña ten sido moi bonita, en moitos sitios poñía de exemplo que me lembraba moitísimo á miña primeira campaña electoral nas eleccións locais no Barco, foi algo parecido, á xente desmoralizada, desmotivada, e chegaba eu e lles daba ilusión e decidiron apostar por min no Barco, e no Barco acertaron e aquí estou despois de tanto tempo. E eu espero que as bases, que a militancia socialista sexamos quen de facer algo parecido”.

Os militantes que se achegaban ata a sede socialista no Barco para exercer o seu dereito a voto eran recibidos con doces, polo que a xornada está transcorrindo dun xeito moi distendido.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button