En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Alfredo García toma posesión por sexta vez como alcalde do Barco

Contaba co apoio dos dez concelleiros socialistas, fronte aos catro votos en contra do PP e as dúas abstencións de Riada Cidadá e do BNG, que regresa á corporación barquense

Nun pleno moi áxil constituíase a nova Corporación do Barco e elixíase ao socialista Alfredo García como alcalde para os vindeiros catro anos. A sesión, moi concurrida, iniciábase coa constitución da mesa de idade, que presidía o edil socialista Orlando Saavedra e da que tamén formaba parte a popular Sonia Guitián, tras a comprobación de credenciais dábase paso á toma da posesión dos concelleiros, comezando polos do grupo máis votado, neste caso, o partido socialista. Todos prometían o cargo.

Despois era o turno dos edís do PP, entre os que faltaba o concelleiro electo Francisco González, que poderá tomar posesión no seguinte pleno. A maior parte xuraban o cargo. Finalmente tomaban posesión o edil de Riada Cidadá, Félix García, que “por imperativo legal” prometía o cargo e o do BNG, Suso Vilasánchez que tamén prometía “por imperativo legal”, iniciando a súa intervención dicindo que “Galiza é unha nación e o noso interese final é acadar un estado de seu”.

 

Con Suso Vilasánchez o BNG regresa á Corporación barquense, tras unha lexislatura sen contar con representación./ Foto cedida.

 

Logo dábase paso ás candidaturas para a elección de alcalde, con tan só unha presentada, a do socialista Alfredo García, que era votada a man alzada cun resultado de dez votos a favor (PSdeG-PSOE), catro en contra (PP) e dúas abstencións (BNG e Riada Cidadá).

Tras recibir o bastón de mando de mans de Orlando Saavedra, Alfredo García iniciaba o seu discurso e a súa sexta lexislatura como alcalde do Barco “coa mesma ilusión que o primeiro día para traballar polo Barco, unha ilusión que comparto cos mesua compañeiros”, dicía. Ademais agradecía que “os veciños depositasen a súa confianza en min”. Desexaba que “esta nova lexislatura sexa froitífera” e, aínda que lembraba que o partido socialista conta con maioría suficiente para gobernar, pedía “toda a colaboración posible” dos grupos da oposición.

Fotos: Ángeles Rodríguez, agás as dúas últimas que son cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button