AllarizConcellosÚltima hora

Allariz prepárase para a Festa do Boi 2025 que se celebrará do 14 ao 22 de xuño

Presentación do programa da Festa do Boi 2025.

 

Allariz está lista para vivir unha nova edición da Festa do Boi, que se celebrará do 14 ao 22 de xuño de 2025. Esta festividade, cunha fonda raíz histórica e cultural, atraerá a participar tanto a veciñanza coma a xente que se achegue neses días nun dos eventos máis emblemáticos de Galicia.

A presentación oficial da Festa do Boi 2025 tiña lugar na mañá deste venres 11 de abril na Casa do Boi, cun acto no que participaban representantes da Asociación Cultural Xan de Arzúa, a alcaldesa Cristina Cid e o artista Jaime González, autor do cartel deste ano. A imaxe do cartel rende homenaxe a todas aquelas persoas que viven a Festa do Boi dende os balcóns das súas casas, representando nesta ocasión á nosa veciña Carmen, que nos deixou a finais do ano pasado.

 

 

O boi e os homes do sedeño visitan a todas esas persoas que desfrutan a festa ano tras ano dende os balcóns e fiestras das súas casas. Carmen era unha desas persoas que estaba agardando que lle tiraran o sedeño cada ano, como unha homenaxe á súa devoción por esta festa. Con este cartel, a Festa do Boi 2025 quere lembrala con cariño e recoñecer a todas as persoas que manteñen viva esta tradición dende os seus fogares. Jaime González soubo representar a través da súa arte moi ben ese momento.

Por outra banda, dende a Asociación nos explicaron a programación deste ano conta cunha ampla variedade de actividades que combinan historia, tradición e lecer. Durante nove días, Allariz converterase no epicentro da festa con pasarrúas, teatro, música, xantares populares e, por suposto, as emocionantes saídas do boi, que percorren as rúas do centro histórico.

 

Os Bois de Mario Nogueira na edición do ano pasado da festa./ Foto: FB Festa do Boi.

 

A festa dará comezo o sábado 14 de xuño cun xantar popular en Paicordeiro, un punto de encontro clave para a veciñanza e os visitantes, onde se poderá compartir mesa e celebrar o inicio desta gran festividade. Tras este xantar, terá lugar a tradicional recreación do Trato do Boi en Roimelo, seguida da esperada baixada dos bois ata a Barreira. O domingo 15, a procesión medieval do Xan de Arzúa transportará aos asistentes aos tempos da orixe desta festividade, cunha impresionante posta en escena. Este ano o concurso de trobadores estará adicado a Xosé Manuel Piñeiro, ‘Superpiñeiro’ convertendo esta actividade nun ‘Supermedievo’.
Ademais, os máis pequenos poderán gozar de saídas infantís do Boi, que terán lugar en varias xornadas ao longo da semana.

A festa contará con destacadas actuacións musicais, como os Festicultores Troupe, a Orquestra Cinema ou o Grupo Beatriz, ademais de pasarrúas coa charanga Sugarri e a treboada dos Zes Pereiras. O venres 20 de xuño, terá lugar outro dos momentos máis significativos: a Recreación da Bandeira, onde os gremios, acompañados de música tradicional, percorren a ata a Praza Maior para a colga da bandeira do Xan de Arzúa na Casa do Concello.

 

Un momento da festa en Allariz o ano pasado./ Foto: FB Festa do Boi.

 

Cristina Cid resalta a gran importancia que ten esta festa para Allariz pero sobre todo para a veciñanza. “Dende a súa recuperación serve de vínculo interxeracional no que toda a veciñanza convive e participa activamente nas actividades durante eses nove días de festa”, dixo, agradecendo “o labor das persoas que colaboran na Asociación Cultural Xan de Arzúa e que fan posible que ano tras ano co seu traballo desinteresado organicen a Festa do Boi con meses de antelación”.

Desde a organización, faise un chamamento á responsabilidade e ao respecto polos bois, recordando que o seu coidado está exclusivamente en mans das persoas encargadas da súa guía. Ademais, recoméndase ao público estar atentos durante as saídas do boi e evitar obstaculizar os portais, que serven como vía de escape en caso necesario.

Máis información en www.festadoboi.gal.

Artigos relacionados

Back to top button