CulturaCulturaÚltima hora

Alonso Montero e Freixanes, entre os ponentes das xornadas “Coñece Valdeorras/ Coñece a Florencio”

Celebraranse do 15 ao 17 de novembro e incluirán conferencias sobre o poeta corgomés Florencio Delgado, música e ata unha ruta

 

Co fin de facer un novo achegamento á figura do poeta corgomés Florencio Delgado Gurriarán, do 15 ao 17 de novembro celebraranse as xornadas ” Coñece Valdeorras, coñece a Florencio”. Abriranse o vindeiro xoves día 15 na Adega A Coroa da Rúa. Nesta primeira sesión farase un pequeno percorrido pola historia da Valdeorras de preguerra, pola vida do poeta e polo labor que o Instituto de Estudios Valdeorreses levou a cabo na recuperación da súa figura. Nela contarase cos ponentes Félix García Yáñez, Elva Delgado Vázquez e Aurelio Blanco Trincado.

Na sesión do venres 16 ofrecerase unha análise do labor literario e cultural que Delgado Gurriarán desenvolveu ao longo da súa vida. Virá da man de Víctor Fernández Freixanes, catedrático de lingua e literatura galega e presidente da Real Academia Galega; Xesús Alonso Montero, catedrático de lingua e literatura española e académico da RAG; Camilo Valdehorras, catedrático e profesor da Universidade de Barcelona; e Ricardo Gurriarán Rodríguez. Doutor en historia e biógrafo do autor.

Despois, o público poderá coñecer da man de Roi Dominguez a exposición “Verbena”, unha colección de debuxos feitos con viño. Este artista tamén foi o convidado a deseñar o cartel das xornadas, feito sobre unha fotografía real do poeta na derradeira visita a Córgomo.

Este foro pecharase o sábado día 17 de novembro na Adega Santa Marta en Córgomo (Vilamartín). Nesta sesión farase unha análise da obra que deu a coñecer ao poeta, “Bebedeira”, con Xulio Pérez Veiga e Ricardo Gurriarán Rodríguez. A clausura farase cunha actuación do cantautor de Rubiá Anxo Rei, quen ten dedicado un disco ao poeta (“Fronteira de Cegoñas”) e co nomeamento do novo Irmán Maior desta Irmandade. Ángel Fernández ex-presidente do Instituto de Estudios Valdeorreses.

Como remate de todas as actividades ofreceranse varias catas de viños, nestas participarán a Adega A Coroa, Adega Roandi; Adega Eladio Santalla e a Adega Santa Marta. A máis destas actividades, tamén se prevé facer unha ruta histórica-cultural con saída de Córgomo pasando por Arcos, Portela e regresando de novo a Córgomo.

 

Artigos relacionados

Back to top button