Estaba previsto para o Martes de Entroido (1 de marzo) pero debido á chuvia decidían aprazalo e celebralo hoxe, converténdose en todo un éxito de participación.

En torno ás catro e media deste domingo 6 de marzo, comezaba na praza César Conti, na Rúa Vella, o ‘Peque-Entroido’ organizado pola Asociación Sabugueiro en colaboración dos Fargalleiros da Asociación Cultural A Ruada. De feito eran estes peculiares personaxes que adoitaban saír polo Entroido hai máis de cincuenta anos, os que encabezaban, correndo e tocando o bombo, un peculiar desfile polas rúas da vila que remataba no campo de San Roque cunha merenda a base de chocolate con biscoitos.

Dado que este ano non houbo desfiles de Carnaval nin na Rúa nin no Barco, era moita a xente que se animaba a poñer o disfraz e participar nesta singular celebración coa que se pon o broche ao tempo de Entroido na comarca de Valdeorras.
Aínda que os principais protagonistas eran os nenos, moitos pais e avós decidían acompañalos e pasar unha animada tarde de domingo ao ritmo da música e dos Fargalleiros.
Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.