
A calidade das garnachas tintureiras valdeorresas é unha realidade. Son xa grandes viños, pero ademais presentan un interesante potencial de futuro. Era unha das conclusións nas que coincidían os participantes na I Cata de Garnachas Tintureiras centenarias da Denominación de Orixe Valdeorras que tiña lugar na mañá do 12 de xaneiro na Rúa, promovida por Luis Paadín, autor da “Guía de Vinos, Destilados y bodegas de Galicia 2015” e polo Periódico O Sil.

Na cata, que tiña como escenario a Vinoteca-Tapería Pepa, reunía a un panel de sete expertos que estableceron o perfil organoléptico de cada un dos viños nunha cata cega, na que logo se comentaban as notas de cata. O panel estivo formado por: Alejandro Paadín (Secretario xeral da Asoc. Sumilleres Gallaecia), Carmen Gómez (Directora Técnica da D.O. Bierzo), Jorge Mazaira (Director Técnico da D.O. Valdeorras), José Ignacio Marqués (Director Técnico da D.O. Arlanza), Luis Paadín (Autor da “Guía de Vinos y Destilados de Galicia”), Santiago Castro (Director Técnico da D.O. Toro) e Santiago Pérez (Técnico da D.O. Valdeorras).


En total valoráronse nove viños de diferentes añadas: Ladeira Vella (A Coroa), Escada Lembranzas e Escada (Alán de Val), Garnacha vella da chaira do Ramiriño (Sampayolo), Memoria de Ventura (Adega da Pinguela), Traste (Adega José Luis Arestegui Anido), Ruchel garnacha (Ruchel), Viñaredo garnacha (Santa Marta) e Lagar de Cigur barrica (Melillas). Os resultados da cata poderán coñecerse na edición en papel de febreiro do Periódico O Sil. “Creo que os catadores quedaron moi contentos e que os viños demostraron unha realidade, non é un pálpito, é unha realidade son grandísimos viños”, asegura Luis Paadín.

Tamén o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, José Luis García Pando, achegábase ata A Rúa para interesarse polo desenvolvemento desta cata de garnachas. Tras ela, os catadores puideron desfrutar dun xantar cun menú que incluía pulpo, empanada de carne e cabrito, acompañados de viños da D.O. Valdeorras.
Máis información na edición en papel de febreiro do Periódico O Sil.





