CulturaEducaciónÚltima hora

Alumnos do IES Cosme López da Rúa, na Deputación

40 rapaces de secundaria participaron nun “pleno xuvenil” co presidente da institución provincial
Os alumnos do IES Cosme López na Deputación de Ourense.
Os alumnos do IES Cosme López na Deputación de Ourense.

No marco das actividades programadas na segunda Semana Escolar da Provincia, organizadas pola institución provincial para conmemorar o aniversario da existencia da división do Estado español nas actuais provincias, a Deputación de Ourense celebraba na mañá do 9 de decembro un “pleno xuvenil” no que participaron, xunto co presidente da institución provincial, Manuel Baltar, 40 alumnos de Secundaria do IES Cosme López Rodríguez da Rúa.

Na sesión plenaria, os temas que máis interese suscitaron entre os xóoves estudantes e sobre os que preguntaron ao presidente provincial foron os relativos á educación, o funcionamento e a historia da Deputación de Ourense; temas de actualidade como o da corrupción e mesmo referidos á política, para coñecer o sistema de elección dos deputados provinciais, sen esquecer os asuntos locais que atinxen ás actuacións da Deputación no concello da Rúa.

Os alumnos foron obsequiados cun libro que recolle a historia provincial e cun pin coa bandeira de Ourense. Sobre a iniciativa da “2ª Semana Escolar da Provincia e a súa Deputación”, Baltar dixo que afonda nos contidos “dende unha perspectiva didáctica, tendo á transparencia e a divulgación como eixos dunha forma de entender o goberno da provincia moderna”.

Ademais da sede do goberno provincial, os alumnos valdeorreses visitaron o Centro Cultural “Marcos Valcárcel” e a zona vella da capital así como a Catedral de Ourense.

Artigos relacionados

Back to top button