Eleccións municipais 2023Última horaVídeos

Álvaro Fernández: “Comprometémonos a seguir pelexando pola Rúa e polos seus veciños”

O actual alcalde e candidato popular ao Concello rues participaba nun mitin no Centro Cultural Avenida xunto á conselleria de Medio Ambiente e o presidente da Deputación de Ourense

 

No terceiro día de campaña e xusto despois de estar no Barco de Valdeorras, a conselleira de Medio Rural Ánxeles Vázquez e o presidente da Deputación de Ourense Manuel Baltar, acompañaban ao candidato do PP da Rúa Álvaro Fernández nun mitin no Centro Cultural Avenida.

Nunha sala de cine chea de xente, o actual alcalde de candidato popular Álvaro Fernández fixo un balance destes catro anos de goberno en coalición do R.U.A. (ao que recriminou certas actuacións por parte do seu actual número dous) “cunha xestión municipal rigorosa e fiable, fundamental para poder acometer novas iniciativas”.

 

 

O candidato popular remarcou a importancia da colaboración do goberno provincial ourensán e a Xunta de Galicia, “con proxectos que serán realidade nos próximos meses como o novo centro de saúde ou a delegación da Deputación de Ourense”, dixo, destacando entre as iniciativas estratéxicas para este mandato, a “construción dun espazo museístico onde expoñer os fitos históricos e patrimoniais máis representativos do noso acervo cultural”.

 

 

Álvaro Fernández avanzou a creación dunha zona de restauración nas piscinas municipais, con vistas ao encoro, “para establecer a concesión dun servizo de cociña de calidade”. E tamén a construción dun espazo feiral céntrico para albergar eventos ou espectáculos. “Seguiremos humanizando espazos da nosa vila e renovando rúas, ademais de mellorar os servizos de saneamento e abastecemento necesarios; construiremos un espazo adicado ao ocio da mocidade para que poidan desfrutar do seu lecer”, explicou o candidato popular, que tamén aposta pola construción dun novo parque infantil para os rapaces.

Ademais “coa inauguración do novo centro de saúde, queremos concesionar as salas do vello ambulatorio para implementar servizos que non se estean a prestar no noso pobo”, explicou o candidato popular na súa intervención, que remataba coa presentación sobre o escenario e ao seu carón dos membros da lista coa que concorren ás eleccións, a maioría membros do anterior equipo xunto aos cales aseguraba que “comprometémonos a seguir pelexando pola Rúa e polos seus veciños”.

 

 

No seu turno de inervención a Conselleira de Medio Ambiente lembrou os primeiros encontros co alcalde da Rúa, unha persoa “que se fai querer”, dixo lembrando que se presentara na súa consellería “cunha débeda enorme no concello e moitos proxectos” e nestes catro anos “ten planificado o futuro da Rúa”.

Tras loar o seu traballo e felicitar ao CD Rúa polo ascenso Ánxeles Vázquez asegurou que “con Álvaro e o seu equipo, A Rúa por primeira vez vai ter a súa mairoría absoluta”.

 

 

 

O encargado de pechar o acto era o llíder dos populares ourensáns e candidato á Deputación, Manuel Baltar, quen definiu a Álvaro Fernández coma “unha das realidades consolidadas a nivel provincial. Unha persoa que chegou á política hai catro anos, liderando unha candidatura nun concello como da Rúa, elixido alcalde porque así o quixeron os veciños e que formou parte durante este tempo como compañeiro no goberno provincial”. Asegurou que “é un dos mellores alcaldes da provincia. É unha persoa traballadora, fiable, con moito futuro, que sabe expoñer as cousas e que sabe como xestionar grupos humanos e representar perfectamente ao seu concello”.

 

 

Por todo isto Baltar agradeceu que Álvaro “se puxera de novo a disposición do partido para liderar unha magnífica candidatura, con gañas e ilusión de seguir facendo moitas cousas por A Rúa”, dixo, resaltando o balance destes catro anos e o futuro, “con proxectos que seguiremos desenvolvendo, coma sempre, co apoio da Deputación de Ourense, a Xunta de Galicia e, nuns meses, co Goberno central liderado polo ourensán Alberto Núñez Feijóo”.

“Este candidato e esta candidatura son unha garantía de éxito para o PPdeOU e, o máis importante, para A Rúa”, asegurou insistindo aos presentes en que “non perdan a oportunidade de usar o voto intelixente”.

 

Artigos relacionados

Back to top button